10 de maio de 2017

A GUARDA

O BNG considera un despropósito o cementado na Senda Litoral da Guarda  

O BNG insta ao Alcalde a que solicite ao Servizo Provincial de Costas a paralización da obra e a buscar alternativas menos agresivas, tal e como xa solicitou por escrito hai semanas  


Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNg no Concello de A Guarda, visitando o lugar dos feitos 
Fotos: BNG / A Guarda


Infogauda / A Guarda

 O BNG considera un auténtico despropósito as obras de cementación que se están a realizar na Senda Litoral da Guarda por parte do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, así o ven de afirmar Ángel Luis Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda.  

 Para o BNG - engade Ángel Luis Baz - esta obra é contraria ao sentido que tiña a senda litoral: un vieiro inserido na paisaxe pola que atravesa, con materiais sostíbeis, e o menos agresiva posíbel,..., pola contra utilízanse materiais tan pouco axeitados como o cemento.  


Detalle da plataforma de cemento na Senda Litoral

 “Queremos vender natureza, queremos vender paisaxe e logo cementamos todo por onde imos. Esta actuación é desacertada, realizada por un Goberno que non ten un proxecto de pobo para A Guarda”, comentou o portavoz municipal do BNG.  

 Segundo o BNG o Goberno do PP pretende unha solución rápida e fácil as continuas desfeitas xeradas polos temporais do inverno. O BNG presentou hai semanas un escrito no Concello da Guarda no que se expuña que se tivese en conta a modificación do trazado para evitar as consecuencias dos temporais, mais sempre respectando o sentido da Senda Litoral.  

 Finalmente, segundo afirmou Baz Vicente a este xornal dixital, a formación nacionalista presentará un escrito solicitando explicacións ao Alcalde e a paralización das obras e o estudo para a mellora do trazado utilizando materiais respectuosos co medio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario