28 de abr. de 2017

PONTEVEDRA

O Goberno de Carmela Silva aproba achegas por valor de preto de 2 millóns de euros para 13 proxectos en 8 concellos da provincia 

As achegas enmárcanse na liña 1 do Plan Concellos 2017, que leva xa concedidos case 7 de millóns de euros nos catro primeiros meses do ano  


Infogauda / Pontevedra

 A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar axudas por valor de preto de dous millóns de euros para que oito concellos da provincia poidan levar a cabo trece proxectos ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que "a través desta liña, dedicada a investimentos, estamos a permitir que núcleos de poboación da nosa provincia poidan poñer en marcha proxectos e actuacións para dotalos de infraestruturas, en moitas ocasións básicas, e garantir, así, a calidade de vida das súas veciñas e veciños".  

 Carmela Silva puxo en valor esta aprobación, que ascende a 1.736.261,71 €, a través da cal Arbo, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, A Cañiza, Poio, Silleda e Valga poderán poñer en marcha 13 proxectos que van "permitir garantir os servizos básicos dirixidos á cidadanía como é, neste caso, a través da mellora de vías municipais e sinalización vertical, do impulso do saneamento, o acondicionamento de prazas e espazos públicos ou a ampliación de centros ocupacionais". 

 En concreto, Valga recibirá 350.362,20 € para mellorar o saneamento de núcleos rurais. Con esta achega, a localidade recibiu xa, en menos de catro meses, o 100 % dos investimentos que lle corresponden ao abeiro do Plan Concellos 2017. Pola súa banda, a Deputación aprobou destinar á Cañiza 311.317 € para acometer catro proxectos entre os que se atopan melloras no parque móbil, aumento da capacidade dun dos seus cemiterios, a mellora da sinalización vertical e a elaboración do inventario de bens municipais.  

 Bueu recibirá 306.207,65 €, ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017, para a mellora de espazos e camiños públicos. No caso de Caldas de Reis a achega aprobada hoxe é de 259.751,33 € para impulsar a ampliación dun centro ocupacional e o saneamento. Pola súa banda, Silleda recibirá 199.999,99 € para acondicionar un parque e Poio 142.031,43 € para renovar servizos e o pavimento de camiños.  

 A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou achegas para mellorar camiños municipais en Baiona, por valor de 101.004,41 €, e en Arbo, por 65.597,70 €.  

 As axudas aprobadas ata a data pola Deputación de Pontevedra dentro da liña 1 do Plan Concellos 2017 ascenden a un total de 6.902.080,4 €, isto supón un 26,8 % do destinado a investimentos. Esta é a liña con maior dotación económica do programa e supón o 62,5 % do total do plan, cun orzamento de 25.750.000 € (fronte aos 25 millóns de 2016).  

 O Plan Concellos 2017 ten asignada para este curso unha dotación de 41,2 millóns de euros, unha partida un 3 % maior que a aprobada no ano anterior e que entre as súas tres liñas estratéxicas leva aprobado un total de 18,3 millóns de euros desde xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario