CORES TOURÍS CLAUSURA O OBRADOIRO DE EMPREGO DO ROSAL NO QUE SE FORMARON 20 ALUMNOS EN CANTERÍA E ALBANELERÍA
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou a recuperación do Mercado de San Miguel de Tabagón para a súa conversión en punto de encontro cultural
En 2017 a Xunta destinará a este tipo de iniciativas 20,5 millóns de euros, resaltando a ampliación da duración de cada obradoiro ata os 9 meses
O delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jesús María Fernández Portela, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así como polos monitores e os alumnos participantes no obradoiro de emprego
Infogauda / O Rosal
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou este martes día 4 de abril, no Rosal, na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Mercado de San Miguel”, nun acto no que puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.
No acto, o delegado territorial estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jesús María Fernández Portela, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. Este obradoiro contou cunha aportación da administración autonómica de 180.000 euros, “que xunto coa achega de material por parte do concello, chegou a superar os 250.000 euros, xa que estamos a falar dunha obra que requiriu un importante volume de medios”, explicou Cores Tourís.
Os alumnos e alumnas, 20 en total, terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego nas especialidades de Cantería e Albanelería. Recibiron, ademais, formación complementaria en sensibilización na igualdade de oportunidades e ambiental, informática, técnicas para atopar un emprego e en prevención de riscos laborais.
Os alumnos deste obradoiro levaron a cabo a renovación das infraestruturas e acabados, a dotación de novos servizos e a conversión do Mercado de San Miguel de Tabagón nun punto de encontro cultural e social entorno a unha compra cotiá e sostible de produtos ecolóxicos de produción local.
A provincia de Pontevedra contou nos últimos 6 meses con 29 obradoiros que formaron a máis de 600 persoas. “Cinco destas iniciativas corresponderon a obradoiros para menores de 25 anos que xa, na anterior edición, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu o delegado territorial, quen destacou os case cinco millóns de euros destinados a estas iniciativas en 2016.
A Xunta de Galicia destinará para este ano un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos.
“Este ano inclúense diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción”, explicou o delegado territorial quen engadiu que ademais, “ampliarase a duración ata os 9 meses”. Os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a máis de 2.000 persoas.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou o acto para expor as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural. “Para o Goberno galego é unha prioridade o rural e, por iso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar con 30 millóns de euros un programa específico de formación e emprendemento no rural co que se prevé beneficiar a 13.000 persoas”, matizou José Manuel Cores Tourís.
Esta iniciativa inclúe 10 medidas entre as que destacan a posta en marcha de obradoiros que centrarán a súa actividade no rural co deseño de 70 programas mixtos con contidos específicos para cada zona. Outras medidas innovadoras do plan son a Formación á porta que levará ata os concellos sen centros homologados os certificados de profesionalidade.
Cores Tourís, por último, destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario