6 de abr. de 2017

O CONDADO

A DEPUTACIÓN INVESTIRÁ PRETO DE 600.000 EUROS EN INSTALAR ELEMENTOS DE CALMADO DE TRÁFICO E PINTAR AS ESTRADAS PROVINCIAIS DO CONDADO-PARADANTA ESTA PRIMAVERA  

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez presentou hoxe en Ponteareas o Plan Móvese para toda a comarca e sinalou que se actuará en 44 vías  

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández - no centro da imaxe -, presentou hoxe en Ponteareas o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE)
Foto: D.P.


Infogauda / Ponteareas

 A Deputación de Pontevedra realizará esta primavera actuacións de calmado de tráfico e de sinalización horizontal en 44 estradas de titularidade provincial na comarca do Condado-Paradanta. Así o explicou o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez Fernández, quen presentou hoxe en Ponteareas o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) e subliñou que o investimento na zona para esta iniciativa, xunto coa actuación de pintado de estradas, ascenderá a 567.730 euros. 

 O responsable das vías provinciais explicou aos alcaldes de Arbo, A Cañiza, Crecente, Covelo, Mondariz, As Neves e Ponteareas (o de Salvaterra escusou a súa presenza pola coincidencia co Pleno municipal e foi representado por unha técnica) que a intención da Deputación é “dar unha resposta á problemática da seguranza viaria cun xiro ás políticas anteriores”.  

 O deputado nacionalista foi claro e asegurou que a Deputación aposta polos elementos  físicos de calmado de tráfico (pasos de peóns sobreelevados –PPS- ou lombos e redutores físicos –RFVV-) que permitan unha mobilidade sostible e segura aos colectivos máis vulnerables.“Podemos poñer radares, sinais, multas, pero a única actuación efectiva para baixar velocidades é instalar redutores físicos que obriguen aos condutores a ir máis amodo. Con menos velocidade as consecuencias dos sinistros son menores”, argumentou.  

 Benítez insistiu en que as administracións competentes en materia de estradas deben estar comprometidas con solucionar o problema, que é evitable, e apostar por crear espazos de convivencia entre as diferentes mobilidades, revertendo as políticas aplicadas ata o de agora, que daban preferencia aos vehículos nas actuacións das estradas. “Agora a protagonista debe ser a persoa”, dixo.  

 O deputado sinalou que as características do territorio na provincia de Pontevedra, na que hai un continuo de vivendas ao longo das estradas e, por tanto, de cidadáns que camiñan por elas de xeito continuo, fixo que a solución para evitar a violencia viaria fose moi particular. “Os cartos públicos son limitados. Poderíansedeseñar vías segregadas. Separar coches de ciclistas e peóns, pero a realidade é que non hai cartos para facer sendas peonís e beirrarúas en todas as estradas da provincia. Tiñamos que atacar a situación desde outra perspectiva, e o Plan MÓVESE é unha aposta axustada á realidade galega e á realidade económica para calmar o tráfico”, defendeu. 

 No caso da comarca do Condado-Paradanta, o investimento global do Plan Móvese é de 359.547,89 euros, cos que se instalarán 39pasos de peóns sobreelevados e 16 redutores físicos de velocidade. A maiores, o investimento en pintado horizontal será de 208.182,11 euros.  

 Por concellos, no de Ponteareas instalaranse 10 pasos de peóns sobreelevados (PPS) e cinco redutores físicos de velocidade (RFV), ademais de pintar 45,1 quilómetros de sinalización horizontal. As actuacións realizaranse en sete das estradas provinciais do municipio. En Salvaterra construiranse 6 PPS e pintaranse tres vías provinciais, mentres que en As Neves instalaranse 11 PPS e 5 RV e pintaranse 44,9 quilómetros de marcas viarias en catro estradas. En Mondariz, finalmente, só se instalará un paso de peóns sobreelevado, mais contará co pintado de 99,3 quilómetros de sinalización. No caso de Mondariz Balneario, só se realizará o pintado de dous viais, con 12,8 quilómetros de actuación. 

 Na comarca do Paradanta as actuacións resúmense en 2 PPS e 93,7 quilómetros de pintado horizontal en A Cañiza; 4 PPS e 5 RV en Covelo, que contará tamén co pintado de 34,8 quilómetros de marcas viarias distribuídas en seis estradas; 3 PPS e un RV en Arbo xunto con 24,4 quilómetros de pintado; e dous PPS en Crecente xunto co pintado de 14,1 quilómetros.   

 Hai que lembrar que as actuacións de instalacións do Plan Móvese (lombos e redutores para establecer zonas 30 de velocidade máxima) foron solicitadas no seu día polos concellos. Recibíronse máis de un milleiro de peticións, das que algunhas foron rexeitadas por non referirse a elementos físicos de calmado de tráfico e outras porque hai en previsión actuacións integrais para melloras de estradas que xa incorporan os PPS e RV nos proxectos. Aqueles concellos que desbotaron a posibilidade de instalar os redutores físicos quedaron fóra do plan. 

 O deputado Benítez salientou que a Deputación prevé a apertura dunha segunda fase do Plan Móvese, que se abriría despois do verán con variacións en función da experiencia da actual fase. En calquera caso, e ante a solicitude de algúns alcaldes de instalar máis lombos de maneira inmediata, o nacionalista subliñou que se estudarán os casos que supoñan risco de seguranza viaria, mais pediu aos rexedores que vaian facendo un estudo de novas necesidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario