25 de abr. de 2017

LABORAL

A CIG-Ensino fai un chamamento a participar na concentración deste mércores 26 de abril na Guarda 

En solidariedade cos traballadores despedidos e contra da represión no Centro San Xerome   



 A CIG-Ensino fai un chamamento a participar na concentración convocada este mércores 26 de abril na Alameda da Guarda, ás 12 da mañá, unha concentración de solidariedade e apoio aos dous traballadores despedidos no Centro de atención a persoas con discapacidade, San Xerome Emiliani. 

 Despídenos alegando causas económicas, mais estes traballadores están subrogados do Concello da Guarda para realizar o traballo de mantemento de zonas verdes e a CIG-Ensino ten constancia de que o concello está completamente ao día nos pagos. Un dos despedidos é delegado de persoal da CIG-Ensino. 

 As pácticas represivas exercidas polo Xerente, Feliciano Valcárcel, son o pan de cada día no centro. Desde que accedeu ao posto en 2008 sucédense os conflitos, sirva como exemplo o intento de despedimento dun traballador que foi ditaminado como nulo polo xulgado ou o intento reiterado de modificación da xornada sen ter en conta o que di o Convenio e pola que a CIG-Ensino tivo que unha demanda de conflito colectivo que gañamos. Para a CIG-Ensino, Valcárcel está a actuar como o peor dos empresarios, perseguindo e coaccionando os traballadores e traballadoras cun acoso permanente. Desmantelou o posto de traballo do presidente do Comité de empresa, carpinteiro de profesión, para poñelo a traballar desbrozando camiños, un traballo que deberían facer, como de feito fixeron até este ano, os xardineiros do Centro especial de emprego, que agora pretende desmantelar este xerente. E estes despedimentos súmanse aos cinco habidos en anos anteriores e ás varias rescisións de contratos e marchas voluntarias habidas no centro, estas últimas como resultado dunha situación de represión insufríbel. 

 Valcárcel actúa con total impunidade, talvez porque se considera ben amparado polo PP, con que mantén estreitos lazos, como se puido comprobar na última campaña electoral en que chegou facer un acto político con Louzán dentro do centro, reunindo a todas as familias, ante as que o político prometeu grandes melloras no centro se votaban polo PP. 

 E por que sucede isto? Para a CIG-Ensino está moi claro: preténdese entregar a xestión do centro á iniciativa privada, buscando facer do servizo un negocio lucrativo para uns poucos. Témolo claro porque no centro San Xerome estanse a dar os mesmos pasos que antes se deron en ASPROMOR, outro centro de atención a persoas con discapacidade que era xestionado por unha asociación sen ánimo de lucro, mais que foi entregado a unha empresa privada que realizou un ERE extintivo por medio do cal se pechou o Centro Especial de Emprego. Hai coincidencias alarmantes: o intento de despedimento de delegados, o peche do taller de carpintaría para ser substituído por un taller de plásticos ou que o asesor do San Xerome sexa o mesmo que asesorou a Aspromor. O resultado desa maneira de xestionar Aspromor deu lugar ao endebedamento do centro, incremento de despedimentos e empeoramento do servizo. Por iso a CIG-Ensino considera que a propia Asociación propietaria do centro debería preocuparse polo que está a suceder, pola intención oculta de privatizalo, mais tamén porque se están a dilapidar os cartos que recibe o centro, entre outros da Xunta de Galicia, é dicir, diñeiro público, no pago de indemnizacións. 

 Para a CIG-Ensino esixe que se resolva a situación dos dous traballadores despedidos que deben volver ao seu posto de xardineiros e, neste sentido, agarda e demanda que o concello da Guarda apoie a estas persoas que viñeron realizando este traballo desde hai moitos anos. 

 A CIG-Ensino considera tamén que a solución aos problemas do San Xerome pasa polo cambio da xerencia, para finalizar coa represión e os atropelos aos dereitos das traballadoras e os traballadores, e que a Xunta de Galicia actúe corresponsabelmente para garantir que os fondos que destina ao centro non son dilapidados en despedimentos. 

A Guarda, 25 de abril de 2017 
CIG-Ensino Baixo Miño

(R.)

1 comentario:

  1. Hay ,en toda a vila, moitos traballadores que foron despedidos inxustamente,¿porque tanta movilización polos dous de San Xerome e os demais quedan no olvido?

    ResponderEliminar