20 de abr. de 2017

LABORAL

A asemblea de delegados/as da CIG-Vigo chama a participar nas mobilizacións do 1º de Maio 

No encontro analizouse a situación socioeconómica do país e o papel das mulleres no mercado laboral 

Varios centos de delegados/as da CIG de Vigo participaron hoxe na asemblea
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 Varios centos de delegados/as da CIG de Vigo participaron hoxe na asemblea celebrada no salón de actos da parroquia do Cristo da Vitoria, en Coia, para analizar a situación socioeconómica do país e o papel das mulleres no actual mercado de traballo. No encontro abordouse tamén a próxima conmemoración do Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, e fíxose un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas pola central. O encargado de abrir a asemblea foi o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, que lembrou que nesta ocasión a celebración do 1º de Maio estará centrada na campaña pola recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise. “Temos que saír á rúa para facerlle frente á brutal ofensiva capitalista contra a clase traballadora que está a provocar perda de dereitos e empobrecemento porque o noso obxectivo é a conquista dunha sociedade mellor: máis xusta, democrática e igualitaria”, lembrou. 

 A continuación tomou a palabra Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, para facer un repaso sobre a actual situación socioeconómica do país e a progresiva perda de dereitos laborais e sociais. Alcántara analizou as sucesivas reformas antiobreiras aprobadas por PP e PSOE e as súas consecuencias para a clase traballadora, así como o proceso de concentración de capital que se está a agudizar nos últimos anos. “É imprescindíbel que sigamos a loitar para frear todos estes ataques”, rematou. 

 Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG de Vigo, foi a encargada de abordar a situación das mulleres no mercado de traballo e repasar as principais problemáticas ás que se enfrontan cando acceden a un emprego. A súa intervención centrouse na diferenza salarial entre homes e mulleres e na análise das súas principais causas. “As mulleres queremos conseguir novos dereitos e loitar pola igualdade real, pero non renunciamos a manter os dereitos xa conquistados”, dixo en alusión ao que están a facer moitas empresas coa escusa da crise: igualar as condicións laborais entre homes e mulleres pero por abaixo, rebaixando as dos homes. 

 Ao remate da asemblea tomou a palabra un representante da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui para explicar a iniciativa 'Vacacións en paz', que cada ano trae a un grupo de nenos/as ao noso país durante a época estival. Dende o colectivo fixeron un chamamento ás familias para acoller a estes menores durante dous meses para apartalos da súa dura realidade alomenos durante o verán. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario