21 de abr. de 2017

BAIONA

O PP reclama á Deputación colaboración cos concellos na contratación de socorristas para as praias  

Javier Bas explicou que “o ano pasado houbo un claro problema na contratación de socorristas, algúns concellos tiveron dificultades para contar con profesionais nos seus areais e outros, incluso tiveron que renunciar a este servizo”. 

Os populares critican que o Plan Concellos non inclúen ningunha excepcionalidade á situación dos municipios turísticos, que en triplican a súa poboación e verán.   
O grupo provincial do Partido Popular reclamou onte, en Baiona, que a Deputación de Pontevedra aprobe unha liña de colaboración cos concellos para contratar socorristas para as praias da provincia

Infogauda / Baiona

 O grupo provincial do Partido Popular reclamou onte, en Baiona, que a Deputación de Pontevedra aprobe unha liña de colaboración cos concellos para contratar socorristas para as praias da provincia. O deputado provincial e alcalde de Redondela, Javier Bas, que estivo acompañado dos voceiros do grupo, Nidia Arévalo e Ángel Moldes, así como do alcalde de Baiona, Ángel Rodal, expuxo que “o ano pasado houbo un claro problema na contratación de socorristas, algúns concellos da provincia tiveron serias dificultades para contar con profesionais nos seus areais e outros, incluso tiveron que renunciar a este servizo e, tamén, á bandeira azul na súa praia”. Por iso, di que é momento de buscar solucións para garantir a seguridade dos bañistas e usuarios das praias costeiras e fluviais durante o período estival.   

 “Somos unha oposición construtiva e facemos unha proposta para que se analice e, sobre todo, para intentar ofrecer unha solución a un problema que teñen os concellos desta provincia”, engadiu. Será no próximo pleno -28 de abril- cando os populares defendan a súa proposta. “A Deputación, como administración próxima aos concellos, debe estar colaborando coas súas necesidades. Sabemos que é unha competencia municipal, pero solicitamos ás administracións que colaboren, como os concellos tamén colaboramos con competencias que non nos corresponden”. Javier Bas subliñou que a Xunta de Galicia xa está colaborando, pero tamén é preciso que se sume a Deputación de Pontevedra.   

 O deputado popular incidiu en que os fondos municipais son moi limitados. “Non hai que esquecer que estes concellos medianos e pequenos da provincia, moi turísticos todos eles, durante os meses de verán duplican e ata triplican a súa poboación, polo que lles resulta moi complicado asumir os custes de moitos dos servizos que prestan. As contas  non dan, e por iso é fundamental que a Deputación colabore”.   

 Javier Bas recordou, ademais, que os fondos que os concellos reciben da Deputación recortáronse coa chegada do Bipartito. “Agora hai 20 millóns de euros menos e, ademais, o Plan Concellos non inclúen ningunha excepcionalidade á situación destes concellos”. De feito, os populares recordaron que alcaldes socialistas e independentes, como por exemplo dos Concellos do Grove ou Sanxenxo, cuestionaron hai pouco este plan porque non inclúe as singularidades dos concellos turísticas.  

 O alcalde de Baiona, Ángel Rodal subliñou que as praias son un dos referentes das Rías Baixas, “cada vez hai máis bandeiras azuis, cada vez queremos ofrecer máis seguridade nas praias, e por iso é necesario contratar máis socorristas, pero hai serios problemas para facelo”.  

 Pola súa parte, a voceira do grupo provincial, Nidia Arévalo, engadiu que hai unha serie de circunstancias excepcionais, como por exemplo a contratación de socorristas, e nas que os concellos precisan apoio desta institución e non o reciben. “Estamos perdendo bandeiras azuis, estamos tendo dificultades para garantir a seguridade aos bañistas, e por iso é importante que o Bipartito provincial se involucre. A Xunta colabora, os concellos tamén se implican, pero é fundamental que a Deputación participe para reforzar a presencia de socorristas nas praias”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario