28 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA RECIBIU EN SÓ UNHA SEMANA SOLICITUDES PARA QUE MÁIS DE 1.700 NENAS E NENOS VISITEN A EXPOSICIÓN ‘IMAXINAR A EDUCACIÓN. 50 ANOS CON FRATO’   

A organización xa aumentou o número de monitores e o horario da mostra e aspira a chegar aalomenos 5.600 rapazas e rapaces 

O pedagogo italiano Francesto Tonucci, na exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’, organizada pola Deputación e que recolle unha retrospectiva do traballo do pedagogo italiano Francesto Tonucci, está a ter tirón. Así o demostra o alto número de solicitudes para realizar visitas concertadas cos centros educativos da provincia: en só unha semana recibíronse peticións para que máis de 1.700 nenas e nenas percorran a mostra e realicen os diferentes obradoiros. 

 Ante esta avalancha de solicitudes, “que xa supera o que pensabamos que podiamos absorber”, segundo manifestou hoxe o vicepresidente Mosquera, a Deputación está a artellar mecanismos para poder aumentar o número de visitas concertadas. Vense de ampliar o número de monitores que acompañan aos nenos e nenas para poder realizar varios percorridos a un mesmo tempo, así como tamén o horario da exposición, que permanecerá aberta todos os días da semana e que poderá visitarse tamén de xeito libre por parte de toda a veciñanza.   

 A intención, segundo manifestou César Mosquera, é que o máximo número de persoas pasen pola mostra e coñezan visión da infancia, da pedagoxía e dos espazos públicos de Tonucci, que segundo defende, deben ser deseñados á medida das crianzas para ser aproveitados tamén polo resto da cidadanía. Esta filosofía, hai que lembrar, está a ser desenvolvida no modelo urbano de Pontevedra dende a súa concepción e agora a Deputación quere espallala aos outros concellos da provincia. Polo de agora son 20 os concellos que están adheridos á rede de ‘cidades dos nenos’.  

 A exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ desenvolverase entre o 28 de abril e o 11 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Terá entre 1.200 e 1.500 metros cadrados e incluirá entre os elementos expositivos máis de 60 debuxos orixinais, fotografías, obxectos persoais e publicacións de Tonucci, proxeccións audiovisuais, videomapeamento, espazos participativos e obradoiros didácticos. Ademais, a Deputación ten programadas actividades complementarias e facilitará o traslado dos alumnos con autobuses gratuítos.   

 A inauguración da mostra o día 28 contará coa presenza do pedagogo italiano, que realizará un relatorio de apertura cunha presentación das súas viñetas no auditorio do Pazo da Cultura.  Este acto, que será aberto a toda a cidadanía, completarase cunha sinatura de exemplares dos seus libros. En calquera caso, este relatorio non será o único de Tonucci na provincia. Dende o luns 24 de abril o pedagogo italiano realizará varias visitas a diferentes comarcas e realizará outra conferencia o xoves 27 de abril en Pontevedra. Esta estará destinada fundamentalmente á comunidade educativa e tamén aos planificadores dos espazos públicos, baixo o título ‘A autonomía dos nenos e das nenas, unha necesidade para eles, un recurso para a escola e a cidade’.

Ningún comentario:

Publicar un comentario