24 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

Mos recibe preto de 150.000 € do "Plan Concellos 2017" para o mantemento do seu servizo de recollida de residuos e limpeza viaria 

Carmela Silva asegurou que "a Deputación de Pontevedra é a administración que máis cartos dedica a Mos para garantir a prestación dos seus servizos municipais"  

Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.P.

Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar unha nova concesión, no marco da liña 2 do "Plan Concellos 2017", para a amortización, pagamento de débedas e gasto corrente así como outros derivados da realización de actividades culturais, deportivas ou sociais.  

 Dentro desta relación de axudas, nas que se inclúen un total de nove concellos da provincia, un dos máis beneficiados é o de Mos, que recibe 140.891,76 € destinados ao servizo de recollida e transporte dos residuos urbanos e para a limpeza viaria.  

 Neste sentido, Carmela Silva sinalou que "esta é a Administración que máis cartos dedica a Mos para permitir e garantir que se presten os seus servizos municipais, e precisamente ese servizo de recollida de residuos e de limpeza é un dos máis importantes que pode haber". A Presidenta da institución provincial asegurou que "esa é a razón de ser do Plan Concellos, garantir os servizos básicos e tan relevantes dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra" e sinalou que "se Mos vai poder implantar o seu servizo de recollida de residuos e de limpeza vai ser precisamente grazas ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra".  

 A Presidenta provincial lembrou que "Mos este ano vai recibir en total preto de 940.000 € ao abeiro do Plan Concellos. Esta cantidade supón un 6% máis que o ano pasado, cando recibiu 888.000 euros" polo que "en 2017 esta cantidade se incrementou en máis de 50.000 euros". Carmela Silva tamén lembrou que "se ben o incremento medio do orzamento deste ano é do 3% (con 41,2 millóns de €), que Mos aumente o que lle dedicamos en seis puntos supón que dobra a media provincial".  

 A Deputación de Pontevedra xa leva investidos máis dun millón de euros (1.078.597,10 €) en 19 municipios da provincia ao abeiro da liña 2 do "Plan Concellos 2017". Este ano a achega total da liña 2 do Plan Concellos 2017 está situada en 6.180.000 €, o que supón o 15% da súa totalidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario