16 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN CONVERTERÁ PONTEVEDRA NA ‘PROVINCIA TONUCCI’ ENTRE ABRIL E XUÑO CON VISITAS DO PEDAGOGO, UNHA EXPOSICIÓN RETROSPECTIVA E UN ENCONTRO DA REDE ESPAÑOLA DE CIDADES DOS NENOS  

O vicepresidente Mosquera agradeceu ao investigador italiano a súa “deferencia especial” por acceder á iniciativa organizada polo departamento de Mobilidade provincial 

Máis dun cento de representantes de administracións e entidades de toda España visitarán Pontevedra a finais do mes de maio

O vicepresidente Mosquera indicou que o departamento de Mobilidade da Deputación leva traballando dende o ano pasado para poder poñer en marcha todos os eventos
Foto: D. P.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra converterá Pontevedra na ‘provincia Tonucci’ entre abril e xuño coa organización de ducias de actividades entre as que destacan unha visita do propio pedagogo italiano –que percorrerá varios comarcas-, dunha exposición retrospectiva das súas viñetas, e a celebración dun encontro da rede española de cidades das nenas e dos nenos auspiciada baixo a súa filosofía. A intención é achegar ao público a súa visión da infancia, da pedagoxía e dos espazos públicos, que segundo defende, deben ser deseñados á medida das crianzas para que poidan ser aproveitados polo resto da cidadanía.  

 “Vai ser algo que pola súa trascendencia e potencia, polas actividades programadas e pola propia presencia de Tonucci, dificilmente sexa comparable a ningunha actuación feita ata agora tanto en Pontevedra ou noutras localidades”, subliñou o vicepresidente Mosquera, quen indicou que o departamento de Mobilidade da Deputación leva traballando dende o ano pasado para poder poñer en marcha todos os eventos. 

 O evento máis destacable da programación será a exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’, que se desenvolverá entre o 28 de abril e o 11 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Terá entre 1.200 e 1.500 metros cadrados e incluirá entre os elementos expositivos máis de 60 debuxos orixinais, fotografías, obxectos persoais e publicacións de Tonucci, proxeccións audiovisuais, videomapeamento, espazos participativos e obradoiros didácticos. Ademais, a Deputación ten planificadas actividades complementarias que se concertarán cos centros escolares da provincia, aos que se lles facilitará o traslado dos seus alumnos con autobuses gratuítos.  

 Na semana do 22 ao 29 de abril, coincidindo coa apertura da mostra a Deputación organizou a visita do propio pedagogo italiano, que percorrerá a provincia con conferenciasvisitas a concellos e outras actividades.   

 Finalmente o 25 e 26 de maio, Pontevedra acollerá a reunión anual da Rede Española de Cidades dos nenos, que achegará ata a cidade do Lérez a máis dun cento de representantes de administracións e entidades de todo o Estado para expoñer o seu traballo, contrastar as súas iniciativas para potenciar a autonomía dos nenos e das nenas no seu espazo público e, sobre todo, para coñecer ‘insitu’o coñecido ‘modelo Pontevedra’ ensalzado por Tonucci en todos os seus relatorios polo mundo. “Tonucci é un embaixador de Pontevedra alá onde vai, e esta cidade é un referente que todos queren coñecer para ver como se pode aproveitar a súa experiencia. Nós estamos moi abertos para seguir aprendendo, pero temos avanzado moito en relación a como poden os nenos e as nenas andar por esta cidade”, subliñou Mosquera, que agradecou ao pedagogo italiano a súa “deferencia especial” por ter accedido a participar persoalmente na iniciativa organizada pola Deputación en colaboración co Concello de Pontevedra para esta primavera.  

50 anos con Frato’ 
 A exposición ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ está estruturada ao redor de 10 ámbitos que axudan a reflexionar e tomar conciencia desde o punto de vista dos nenos e nenas as fronte a realidades cotiás como a escola, a casa, o xogo, a cidade, a aprendizaxe, etc.  

 ‘As viñetas de Frato dannos a Benvida’, onde se expoñen algunhas das ilustracións máis representativas do pedagogo italiano, é a área que abre a exposición, para dar paso a ‘O mundo de Frato’, onde se achega á persoa e ao personaxe a través de debuxos orixinais, fotografías, obxectos, etc. A súa reivindicación sobre a importancia de integrar actividades manuais e oficios na escola tamén se materializa na mostra no espazo ‘Cen mans, cen linguaxes’, onde a través de imaxes e propostas interactivas provócase ao público a que use as súas mans para pensar, para experimentar.  

 Séguenlle outro sete ámbitos baseados na participación, a creatividade, a aprendizaxe e a imaxinación. ‘Bicicleta. Espazo para gozar, investigar e aprender’, aquí refliíctese o valor de liberdade e autonomía, que leva implícito o uso da bicicleta desde a infancia, á vez que se explica o proceso físico e mecánico que permite o movemento; ‘Construcións, pequenas pezas, grandes creacións’ é, unha zona para dar renda solta á curiosidade e a creatividade con materiais sinxelos e reciclados; ‘Xoguetes. A xogar non se aprende, pero xogando apréndese’,,partindo de modelos de xoguetes, convidídaseaos asistentes a que deseñen xoguetes, investiguen mecanismos, indaguen en novas formas de comunicar a través do xogo; ‘Teño unha idea. Propostas para seguir inventando’, creacións libres a través de tres propostas: as palabras, as accións e as formas; ‘Ágora. Nenos e nenas toman a palabra’, os membros do Consello Infantil e Xuvenil do museo, guiarán o debate, a reflexión e animarán a que todos tomen a palabraun espazo no que os nenos poderán tomar a palabra e debater sobre a súa cidade, a educación e calquera tema que consideren; ‘Natureza. Auga, barro e area para aprender’ é, un achegamento ao ambiente a través da creación e o xogo e ‘Para saber máis’ é,finalmente,, un espazo bibliográfico e de consulta informática.  

 Ademais, a exposición ten un completo e interesante programa de actividades complementarias dirixidas á comunidade docente como cursos, xornadas, conferencias e talleres; e tamén para o público xeral como a conferencia que se celebra esta tarde e na que os asistentes terán a oportunidade de escoitar a Frato falar de ‘Imaxinar a educación. 50 anos con Frato’ ás 17.30 horas no Auditorio do museo. A entrada será libre ata completar aforamento. Como sorpresa, o sábado Francesco Tonucci estará na exposición para que os visitantes que o desexen poidan atoparse co pedagogo. ‘Frato’ paseará pola mostra, polo seu estudo ou nos talleres facendo o que máis lle gusta, debuxar, xogar e falar coas persoas. 

 A mostra está dirixida aos profesionais da educación, aos nenos, ás familias, en definitiva, a toda a sociedade, porque “todos temos a responsabilidade de escoitar o que os máis pequenos teñen que dicirnos para construír cidades, escolas e en xeral espazos habitables e felices para todos”. 

 Con esta nova proposta expositiva, o museo pon de manifesto o seu interese por abordar todos os aspectos de interese para a sociedade. Nesta ocasión o eixo é a educación, un tema orixinal que non adoita abordarse nos museos de ciencia e que, con todo, está presente na esencia dos mesmos, que beben do concepto de aprendizaxe defendida polo pedagogo italiano.   

Breve resumo biográfico de Francesco Tonucci 
 Francesco Tonucci é un investigador e pedagogo italiano nado en Fano o 5 de xullo de 1940. En 1966 realiza os seus primeiros debuxos de carácter pedagóxico e desde 1968, co heterónimo de ‘Frato’, comeza un traballo gráfico sistemático coa intención de expor o seu pensamento educativo a través de viñetas e debuxos. 

 É promotor e responsable desde 1991 do proxecto ‘A cidade dos nenos’, que na actualidade compromete a 200 cidades de varios países do mundo e cuxo principal obxectivo é transformar as cidades tomando como referencia a vida e necesidades da infancia. 

 Tonucci, que foi recoñecido en 2012 coa Medalla de Ouro ao Mérito na Educación concedida pola Junta de Andalucía, tamén é o impulsor do Consello Infantil e Xuvenil do museo, unha iniciativa que se converteu en referente nacional e que seguiron outros museos como o de Ciencias Naturais de Barcelona e a Cidade das Ciencias e as Artes de Valencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario