24 de mar. de 2017

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba as bases das subvencións ás cooperativas agrogandeiras e para os colectivos de pesca e marisqueo 

As dúas liñas de axudas reciben un total de 350.000 euros, 150.000 € para as cooperativas agrogandeiras e outros 200.000 € para os colectivos de pesca e marisqueo  
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
Foto: D. P.


Infogauda / Pontevedra

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar as bases de dúas liñas de subvencións. A primeira delas é a dedicada ás cooperativas agrogandeiras e, a segunda, a que poden solicitar as confrarías de pescadoras e pescadores, as federacións destas e tamén as asociacións de mariscadoras da provincia de Pontevedra. Ambas as dúas liñas de subvencións suman un total de 350.000 euros para o sector primario da provincia de Pontevedra.  

 As axudas ás cooperativas agrogandeiras reciben un total de 150.000 euros que estas poden solicitar para o financiamento de melloras nos seus servizos. Os investimentos que poden solicitar axudas son aqueles dirixidos á comercialización e valorización das producións, a  formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento das súas actividades, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, das enerxías renovables e do aforro enerxético e investimentos para mellorar os servizos.  

 Ademais, Carmela Silva sinalou que "este ano tamén temos asinado convenios para apoiar a diferentes organizacións de produtores e produtoras, cun investimento de máis de 100.000 euros, para promover produtos ecolóxicos como o leite e a mazá e tamén para a dinamización do sector hortícola ecolóxico da provincia de Pontevedra", polo que este ano "as cooperativas agrogandeiras reciben unha achega en conxunto de 250.000 euros, 50.000 euros máis que o ano pasado".  

 No caso das axudas ás confrarías e federacións de confrarías de pescadoras e pescadores e agrupacións de mariscadoras, as axudas ascenden a un valor total de 200.000 euros. Neste caso, trátase de 200.000 € para financiar investimentos que melloren os servizos que desenvolvan durante este ano, distribuídos entre 100.000 € para gastos de persoal e outros 100.000 euros para investimentos. Os supostos contemplados son os mesmos que para as cooperativas agrogandeiras e, a maiores, a adquisición de material para a vixilancia das producións e o gasto de persoal. Ademais, Carmela Silva sinalou que "a maiores imos asinar un convenio neste eido por valor de 30.000 euros", polo que estes colectivos reciben un investimento total de 230.000 €.  

 Deste xeito, sinalou a Presidenta provincial, "estamos a falar en total de case medio millón de euros, 480.000 € para o sector primario da provincia de Pontevedra, cumprindo así cun compromiso que adquirimos cando tomamos posesión, que é o de fomentar o apoio aos sectores produtivos da nosa provincia".  

 O prazo de solicitude dúas liñas de axudas será de 30 días naturais a partir do día seguinte da publicación dos extractos das convocatorias no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario