A
CIG chama a mobilizarse, este 10 de Marzo, para derrotar as contrarreformas e
recuperar os dereitos
A
central convoca protestas en todas as comarcas do país para conmemorar o Día da
Clase Obreira Galega
En
Vigo haberá unha manifestación dende A Dobrada ás 20.00h
A mobilización de Vigo foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG, Alberto Gonçalves
Foto: CIG
Infogauda / Vigo
A CIG conmemorará o
vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, con mobilizacións en Vigo,
Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago e Cee. Unha data
reivindicativa na que a central dálle continuidade á campaña posta en marcha no
mes de decembro que se desenvolve baixo o lema “2017, un ano de loita.
Recuperemos os nosos dereitos”.
A mobilización de Vigo foi presentada
esta mañá en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG, Alberto
Gonçalves, que explicou que a manifestación sairá da Dobrada ás 20:00 horas e
rematará a carón da farola de Urzaiz. Gonçalves fixo un chamamento ao conxunto
da clase traballadora da bisbarra a participar nunha protesta orientada a
“frear a ofensiva do capital e dos Gobernos do PP para precarizar as nosas
condicións laborais”.
O responsable sindical lembrou que “a
loita é o único camiño” para recuperar os dereitos que “nos foron roubados coa
escusa da crise económica” e asegurou que sobran motivos para saír á rúa unha
vez máis: desemprego, empobrecemento, desertización industrial, etc. “Temos que
esixir unha mudanza radical destas políticas criminais que provocan
desafiuzamentos, pobreza e suicidios”, indicou. No que respecta á bisbarra,
alertou de que atravesa unha “situación límite”, con máis de 80.000 persoas nun
desemprego que vai camiño de volverse “crónico”.
Segundo sinalou, os efectos das
reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do PP,
afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo. A pobreza hoxe
está relacionada co traballo en precariedade.
Principalmente, a reforma laboral do
ano 2012 do PP está causando estragos nos dereitos laborais conquistados en
tantos anos de loita. A precariedade hoxe significa as facilidades no despedimento,
a contratación temporal, parcial, as ETT. Todo isto permite que as empresas
obriguen a traballar máis horas sen pagar e baixen ilegalmente os salarios dos
convenios. En definitiva para nós, traballarmos máis e cobrarmos menos. Este
era o obxectivo da reforma laboral do PP. Hoxe sabemos que o Estado español é o
único caso no que a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6
últimos anos un 11%.
Contrariamente, no resto da UE os
salarios subiron por encima do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en
Portugal. Os salarios que perdemos, que “nos roubaron” en tan pouco tempo,
pasaron a mans dos ricos (o capital), que incrementaron a súa riqueza neste
mesmo período en máis do 18%.
A explotación da clase traballadora é
máis brutal na actualidade con estas leis, con estas reformas, e xa non lles
abonda con roubarnos os dereitos no traballo, senón que tamén queren roubarnos
as nosas pensións.
Hoxe o PP non ten maioría no
Parlamento; por tanto, a continuidade destas leis que atacan os nosos dereitos
dependen daqueles que permiten que gobernen. O resultado final dependerá da
resposta social da clase traballadora, da mobilización na rúa. Sempre na
historia, gañamos os nosos dereitos coa loita.
Así foi tamén en marzo do 72, en que a clase
obreira galega nunha situación represiva con centos de persoas detidas e dous
traballadores mortos, Amador e Daniel, se enfrontou para gañar un futuro digno,
que hoxe volve estar seriamente ameazado.
HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS
-Vigo: manifestación
dende o cruce da Dobrada ás 20:00 horas.
-Ferrol: ofrenda
floral no monumento 10 de Marzo ás 12:00 horas e manifestación dende o local da
CIG (Avenida de Esteiro) ás 20:00 horas.
-Lugo: manifestación
dende o local da CIG (Ronda da Muralla) ás 20:00 horas.
-Ourense: manifestación
dende a Subdelegación do Goberno ás 19:30h até a Praza Maior.
-Vilagarcía: concentración
na Praza de Galiza ás 20:00 horas.
-Pontevedra: concentración
na Praza da Peregrina ás 20:00 horas.
-Santiago: manifestación
dende a Praza Roxa ás 20:00 horas.
-A Coruña: manifestación
dende a fábrica de Brens (Cee) ás 19:30h até a Praza do Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario