25 de feb. de 2017

OIA

COMEZAN OS LABORES DE LIMPEZA NO ENTORNO DO PETRÓGLIFO DE AUGAS DOS CEBROS 

A intervención, supervisada pola arqueóloga Elisa Pereira, faise grazas aos fondos conseguidos nas accións de micro financiación  

Petróglifo de Auga dos Cebros
Foto: Fernando Javier Costas Goberna

Patricia Muñoz Raña / Oia (Pontevedra)

 As actividades da Asociación Costa dos Castros neste ano arrancan co inicio dos labores de limpeza de vexetación no entorno do petróglifo de Auga dos Cebros, que representa unha embarcación mediterránea. Esta intervención, que se desenvolve en monte comunal na zona do Viveiro, na parroquia de Pedornes, é posible grazas ás achegas económicas das persoas que colaboraron nas campañas de micro financiación.   

 Os labores de roza comezaron esta mesma semana e perseguen varios obxectivos: reducir o risco de lumes forestais, deixar visibles e accesibles os distintos petróglifos e incrementar o coñecemento existente sobre as representacións rupestres da zona. Ao mesmo tempo, estes traballos deixarán a área preparada para próximas actuacións de posta en valor, unhas intervencións que permitirán gozar do entorno do Viveiro entendendo e interpretando este espazo como un todo.    

 Unha cuadrilla de operarios da loita contra incendios forestais traballa na limpeza baixo a supervisión da arqueóloga Elisa Pereira, quen permanece a pé de campo comprobando que os labores, que se fan de xeito manual, se desenvolven con todas as garantías de protección. Pola súa banda, a comunidade de montes de Pedornes, como propietaria dos terreos, encárgase das xestións dos permisos necesarios para executar a actuación, enmarcada dentro do conxunto de actividades que Costa dos Castros programa neste 2017.  

 Auga dos Cebros  
 Auga dos Cebros sitúase en terreos da comunidade de montes de Pedornes, no lugar de O Viveiro, nun espazo con vexetación e arborado próximo ao río Vilar. Nesa zona existen diversos gravados, pero entre eles destaca especialmente o da embarcación mediterránea, un dos petróglifos máis singulares da costa galega que, ademais, é único na fachada atlántica europea.   

 A representación dun barco cunhas formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a. C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia desta xoia arqueolóxica da Costa dos Castros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario