19 de xan. de 2017

TURISMO

O Camiño pola costa chega a FITUR da man da Deputación e Turismo Rías Baixas 

A presidenta Carmela Silva conduciu o acto no que se presentou o vídeo promocional e seis pezas audiovisuais centradas no enoturismo, cascos históricos, termalismo, redeiras, patrimonio, parques naturais e recursos sostibles dos quince concellos da ruta  

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados provinciais e alcaldes, alcaldesas e representantes dos concellos da provincia, presentou hoxe en FITUR o destino do Camiño Portugués pola Costa
Foto: D. P.

Infogauda / Madrid

 A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados provinciais e alcaldes, alcaldesas e representantes dos concellos da provincia, presentou hoxe en FITUR o destino do Camiño Portugués pola Costa, apoiándose de pezas audiovisuais e empregando a realidade aumentada do caderno de viaxe para dar a coñecer en 3D os recursos turísticos das Rías Baixas. O acto, conducido por Silva e pola xornalista Nieves Rodríguez, comezou cunha invitación a percorrer esta nova ruta, que foi recoñecida oficialmente o pasado ano. En palabras da presidenta provincial "unha experiencia máxica que apaixonará a toda aquela persoa que a percorre, á beira do mar, con paisaxes irrepetibles e únicas".  

 No acto presentouse o caderno de viaxe da Deputación que recolle as etapas do Camiño pola Costa e os principais recursos turísticos que as peregrinas e peregrinos poden visitar mentres percorren a ruta pola provincia, comezando na Guarda e rematando en Pontecesures e pasando polos concellos do Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Pontevedra, Barro, Portas, Caldas de Reis e Valga. Así, o caderno iníciase coa etapa entre A Guarda e Mougás, continúa entre Mougás e A Ramallosa, A Ramallosa- Vigo, Vigo- Redondela, Redondela-Pontevedra, Pontevedra-Caldas de Reis e Caldas de Reis-Pontecesures. En todas e cada unha destas etapas, o caderno de viaxe inclúe información relativa á distancia, desnivel, albergues, onde marcar a credencial e principais recursos turísticos que se atravesan mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa.  

 O elemento sorpresa do caderno foi a tecnoloxía de realidade aumentada, empregada para poder ver en 3D os recursos turísticos dos concellos. Para poder gozar desta "maxia", como a cualificou Carmela Silva, as persoas deberán descargar unha aplicación móbil gratuíta (Rías Baixas RA) e empregala sobre as fotografías.  

 Tamén presentouse o vídeo promocional principal, "Reasons to come to Rías Baixas", que ten como protagonista a un peregrino de fala inglesa que transmite as razóns que motivaron a escolla do Camiño pola Costa e entre as que destaca, por riba de todas, o feito de ser o único dos camiños á beira do mar, que conxuga auga doce e salgada, costa e interior, ó tempo que da mostra da rica historia da provincia de Pontevedra, percorre faros, pazos e casas señoriais, praias, cidades e conxuntos monumentais, e permite ás e ós peregrinos "consolar os pes en augas milagrosas".  

 Os vídeos foron o fío condutor da viaxe polos 15 concellos da provincia que integran o Camiño, protagonizados desde as redeiras e o traballo das mulleres do mar nas Rías Baixas, ao enoturismo vertebrado ó redor do concello do Rosal. A Presidenta da Deputación engadiu que "xunto coa gastronomía e o enoturismo non sería posible entender Rías Baixas sen a natureza e o mar, con paisaxes que quitan a respiración, con praias espectaculares e as Illas Cíes, un dos cen destinos sostibles do mundo e lugar especial para a conservación de especies e peregrinación de aves norteñas". A aposta polo termalismo e polo patrimonio etnográfico, tamén estivo presente na promoción de Rías Baixas en FITUR. Neste contexto, falouse da historia dos antigos poboadores galaicos e os numerosos xacementos da provincia de Pontevedra, desde o Paleolítico máis inferior así como a grande cantidade de xacementos galaicos e da época romana existentes na provincia de Pontevedra. Xa para rematar, a Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que "o Camiño Portugués pola Costa é unha experiencia única, quen a vive leva consigo un anaco noso para sempre, é un camiño para gozar con todos os sentidos".  

 O acto de presentación organizado pola Deputación de Pontevedra rematou coa estrea da composición musical "Un lugar en el mundo", composta e interpretada polo músico das Rías Baixas Teo Cardalda especificamente para promover o destino onde naceu. Ó respecto, Carmela Silva manifestou que "Rías Baixas tamén son música, música como a de Teo Cardalda, un artista coñecido por todas e por todos que tivo o detalle de compoñer unha canción e unha banda sonora inspirada na brisa do Atlántico mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa".

Ningún comentario:

Publicar un comentario