29 de xan. de 2017

MOVEMENTOS SOCIAIS

A CIG proclama en Compostela que o sistema público de pensións “é viábel” e “ten futuro” 

Seixo denuncia que se pretende amedrentar á poboación para que contraten plans privados favorecendo así o negocio dos especuladores


Infogauda / Santiago de Compostela

 Miles de traballadores/as, xubilados/as e pensionistas chegados de toda a xeografía galega sumáronse á manifestación convocada para onte sábado pola CIG en defensa do sistema público de pensións. Unha mobilización que forma parte dunha campaña máis ampla que a central sindical puxo en marcha pola recuperación dos dereitos perdidos pola clase traballadora galega nos últimos anos, a consecuencia das políticas laborais, sociais e económicas, promovidas polo Partido Popular.


 Así o explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo na súa intervención, na que explicou que todas as reformas emprendidas polo PP: das pensións, das prestacións por desemprego, dos despedimentos, da negociación colectiva ou mesmo a lei de seguridade cidadá, responden ás mesmas razóns políticas, económicas e ideolóxicas. “Trátase de fortalecer un modelo de sociedade, un modelo económico ao servizo dos intereses da oligarquía, dos grandes grupos económicos, en prexuízo dos intereses das clases traballadoras, da maioría social”.


 Seixo denunciou que con ese modelo económico e social “inxusto”, de capitalismo neoliberal “que incrementa as desigualdades”, “non se garanten dereitos básicos” como as pensións, o ensino, a sanidade, a vivenda, a enerxía” a toda a poboación nunhas condicións dignas, nin “un reparto igualitario, que provoca unha acumulación de riqueza cada vez en menos mans a custo de empobrecer á maioría da sociedade”.

 A estes intereses de clase atribuíu a “campaña permanente que o poder económico e político manteñen nos medios de comunicación para convencer á xente de que o sistema público de pensións non ten futuro, é un sistema en quebra. Isto é unha grande mentira”, afirmou.  


 Lonxe disto, Seixo asegurou que o que se pretende con esta campaña é “meterlle medo á poboación para que pense que non ten garantida unha pensión pública e que ten que aforrar para subscribir un plan privado de pensións”. Denunciou que este “é o grande negocio da banca, dos especuladores”.  

 Lembrou que os fondos privados de pensións moven a nivel mundial máis de 18 billóns de euros. “É un dos grandes negocios do capital”, dixo e engadiu que “por iso andan a deteriorar e dificultar o acceso a unha pensión pública ao igual que o están a facer co ensino e coa sanidade pública, para despois apoderarse dese grande negocio pola vía da súa privatización”.  


 Para o secretario xeral da CIG, o que o poder político e económico dominante están a facer co sistema público de pensións é o mesmo que se fixo co sistema fiscal, incrementando os impostos indirectos e reducindo os impostos directos ás rendas máis altas, ás grandes fortunas e ao capital. E é o mesmo que está a facer a nivel laboral precarizando o mercado laboral, devaluando os salarios, facilitando os despedimentos, matando a negociación colectiva e individualizando as relacións laborais para procurar, en definitiva, “debilitar á clase traballadora para que non teñamos capacidade de resposta diante destas agresións aos nosos intereses, fortalecer á patronal e incrementar os beneficios do capital (da banca, das empresas enerxéticas, das grandes construtoras, das multinacionais das telecomunicacións…)”, denunciou.


  Xunto a isto sinalou que “a dereita, o capital, aproveitou a pasada lexislatura a maioría absoluta do PP no parlamento español para impulsar todas estas políticas antiobreiras e antisociais. Hoxe no Estado español o PP perdeu a maioría absoluta. Polo tanto, temos que intentar recuperar todos os dereitos perdidos pola clase traballadora na pasada lexislatura”.  

 Porén, advertiu que non vai ser doado, porque o PP “vai pór todos os medios ao seu alcance para que non se toquen, no fundamental, as súas políticas económicas e laborais, aquelas que mellor serven aos intereses de clase, que o PP representa. Os intereses da oligarquía española, os intereses dos grupos económicos que financian ao PP e que lle dan postos de traballo ben remunerados aos seus dirixentes cando deixen os cargos políticos”.  

 A isto engadiu que “entre os teóricos grupos de esquerdas no parlamento español, léase PSOE, por exemplo, hai certa disposición a pactar co PP e a non ser moi belixerantes con certas contrarreformas laborais ou de negociación colectiva que fixo o PP”. 

 Por iso chamou á mobilización, porque “se queremos recuperar dereitos e avanzar nas nosas condicións de vida, cómpre que a sociedade se mova, saia á rúa, presione a goberno e partidos da oposición para que realmente se promovan leis que tiren abaixo coas contrarreformas e recortes dos últimos anos e se lexisle realmente en defensa dos intereses das clases traballadoras”.  

 Anunciou que a CIG ten previsto continuar coas mobilizacións nos meses de febreiro e marzo e adiantou que non se descarta mesmo chegar á convocatoria dunha folga xeral “se non se avanza na recuperación dos dereitos perdidos e na mellora das condicións de vida”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario