29 de xan. de 2017

A GUARDA

O MEGAPOBOADO PREHISTÓRICO DO MONTE SANTA TREGA, INCLUÍDO NO PROXECTO IN NATURA VERITAS

O encrave arqueóloxico máis visitado de todo o Noroeste peninsular e un dos sitios arquelóxicos máis coñecidos internacionalmente, será - entre outras - unha das áreas de actuacións, que crearán "unha singular rede para a interpretación da paisaxe arqueolóxica"

Unha das vivendas reconstruídas pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla
Foto: Infogauda


Infogauda / A Guarda

 In Natura Veritas. Na natureza está a verdade. Ese é o nome do proxecto deseñado por AGi architects e que resultou elixido - entre un total de 26 propostas - no concurso promovido polo Ministerio de Fomento e a Deputación Provincial de Pontevedra para restaurar e musealizar dezaoito xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra. 

 O megapoboado castrexo do monte Santa Trega - o máis visitado de todo o Noroeste peninsular e un dos sitios arquelóxicos máis coñecidos internacionalmente -, situado no municipio de A Guarda (Pontevedra), será - entre outras - unha das áreas de actuacións, que crearán "unha singular rede para a interpretación da paisaxe arqueolóxica", tal e como oportunamente avanzou  Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra.

 Segundo pudo saber este xornal dixital "o deseño gañador da rehabilitación de 18 espazos arqueolóxicos de Pontevedra busca lograr a inmersión sensitiva do visitante".

 Nos vindeiros meses AGi architects realizará o desenvolvemento do proxecto gañador. Iso servirá para determinar os accesos e percorridos, mobiliario e equipamento para uso público, sinalización das áreas de intervención e protección preventiva dos xacementos, así como para a creación de elementos singulares que permitan a musealización de cada castro. 


Vista parcial do sector Calvo, do megapoboado galaico-romano do Monte Santa Trega (A Guarda)
Foto: Infogauda

 Ademais do poboado do Monte Santa Trega, os outros 17 xacementos incluidos no proxecto son: Castro de Penalba, A Cabeciña, Porta de Arcos, Castro de Toiriz, Mercado dos Mouros, A Lanzada, Adro Vello, Coto de Altamira, Alto da Cruz do Castro, Alto dous Cubos, Castro da Subidá, Castro de Alobre, Castro de Troña, Castro do Facho de Donón, Castrolandín, Igrexa Vella e Monte do Castro.

 Compre relembrar que a Deputación de Pontevedra intervén, durante o ano 2016, na recuperación de 18 xacementos arqueolóxicos da provincia en virtude do protocolo que asinou o 14 de marzo de 2015 co Ministerio de Fomento para poñer en valor o patrimonio galaico-romano.  

 O protocolo ten por obxectivo a recuperación dos xacementos galaico-romanos da provincia, concibidos como un importante instrumento de dinamización socioeconómica, cultural e turística. O programa integral inclúe desde labores de limpeza, mantemento e escavación ata actividades de promoción, creación de ambientes museográficos e o rexistro dixital dos xacementos en 3D.  

 A Deputación de Pontevedra encárgase dos labores de limpeza e de recuperación dos xacementos; o Ministerio de Fomento, da restauración, sinalización e musealización. Para esta última tarefa convocou un concurso público de ideas con xurado e premios, que foi o que ven de gañar AGi architects.  

 A recuperación dos xacementos da provincia permitirá mellorar a comprensión da dinámica socioeconómica de Galicia na antigüidade, así como ofrecer unha explicación da articulación territorial que permanece desde a Idade de Ferro ata a tardorromana. Tamén contribuirá á ampliación da oferta turística, tanto á desestacionalización coma á captación de novos turistas potenciais, especialmente en mercados estranxeiros, a través dunha oferta cultural innovadora

A combinación das capas: son, iluminación, vexetación, percorrido e chan, xera unha experiencia integral do espazo que fará a visita memorable

 Segundo o acta do fallo, In Natura Veritas de AGi architects é unha "proposta respectuosa coas edificacións existentes e que a través dunha visión integral do contexto achega calidade escénica e amabilidade á visita aos castros. A combinación das capas: son, iluminación, vexetación, percorrido e chan, xera unha experiencia integral do espazo que fará a visita memorable sen entrar en competencia cos elementos arqueolóxicos. O sistema de picas proposto é dunha gran versatilidade constituíndo un soporte museográfico moi adecuado".

 A proposta In Natura Veritas toma como punto de partida a natureza intrínseca do lugar: a creación dun espazo para a preservación da memoria nun medio natural preferente e escollido como lugar habitacional desde fai milleiros de anos. A proposta potencia a aprehensión da paisaxe natural e arqueolóxica, achegando ao observador á natureza pero tamén a ese mundo abstracto, imaxinado e proxectado, mediante unha intervención non formal. Como un museo natural, recrea a memoria da paisaxe a través do mantemento, consolidación e recuperación da vexetación autóctona perdida.

 Para acadar eses obxectivos o proxecto expón unha proposta-guía, un sistema abstracto por capas, con vontade de transferir coñecementos ad hoc para cada un dos xacementos integrándoos nunha singular rede para a interpretación da paisaxe arqueolóxica galega.

 O proxecto gañador inclúe entre outros aspectos unha malla ortogonal que permite narrar e iluminar a experiencia do visitante así como crear unha paisaxe visual alternativa. Ademais, expón un manto vexetal co fin de recuperar o estado natural do asentamento. Restituiranse noiros, desmontes e especies vexetais.

 En canto aos percorridos, propón un achegamento aos castros a través das texturas dos chans.

 Estas experiencias ao longo do percorrido complétanse cunha proposta de iluminación paisaxística en dous niveis: un plano horizontal de chan pintado en ocasións con pinturas foto-luminiscentes, e unha constelación dispersa de puntos de luz de diferentes cores mentres sons, música e información de interese oiranse en puntos estratéxicos do monte.

 Joaquín Pérez-Goicoechea, socio cofundador de AGi architects, afirmou: "Estamos moi orgullosos deste proxecto que integra paisaxismo, rehabilitación e musealización. Achegámonos a el con todo o respecto á contorna natural e arqueolóxica que encerra, co fin de dotarlle dunha entidade propia, sustentable, sinxela e, á vez, que represente unha experiencia única ao visitante".

Ningún comentario:

Publicar un comentario