A CABALGATA DE REIS E A RECEPCIÓN REAL PORÁN BROCHE DE OURO O NADAL NA VILA GUARDESA
Este xoves día 5 de xaneiro, desde ás 18:00 h., desde á Alameda
SS. MM. os Reis Magos estarán na vila guardesa na tardiña do xoves día 5 de xaneiro
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Coa primeira semana de xaneiro e deste ano 2017, achégase o final das festas navideñas. Na Guarda, estas datas tan sinaladas rematan por todo o alto este xoves día 5 coa saída da Cabalgata dos Reis Magos e a posterior Recepción Real.
A tradicional Cabalgata das Súas Maxestades os Reis Magos sairá dende a Alameda ás 18:00 horas e pasará pola Avenida de Galicia ata a esquina do Galo, despois pola rúa José Manuel Andreini, rúa Agustín Nandín, Praza da Igrexa, rúa Bernardo Alonso e de aí directamente á Praza do Reló. A continuación, na Casa dos Alonso terá lugar a Recepción Real, onde os Reis Magos recibirán ós nenos e nenas da vila, escoitarán as súas peticións e desexos e entregarán a cada un dos cativos un agasallo.
A Cabalgata do Reis estará acompañada polo Grupo de Gaitas da 3ª Idade, a Charanga Os Zanfonos e o Grupo de Baile Moderno Xamaraina; e durante a Cabalgata repartiranse máis de 400 quilos de caramelos. Recordamos que todos os caramelos que se repartirán no transcurso da Cabalgata son libres de gluten e, no caso dos caramelos mastigables, tamén libres de lactosa.
Ademais, durante a Recepción Real que acollerá a Casa dos Alonso tamén se entregarán golosinas aos nenos e nenas que acudan a coñecer aos Reis Magos, polo que no caso dos cativos que sexan alérxicos desde o executivo municipal do Concello de A Guarda fan á seguinte recomendación: "Aconsellamos que os pais e nais se dirixan aos organizadores para máis información sobre o contido dos doces".
En caso de choiva só se celebraría a Recepción Real na Casa dos Alonso, pero as previsións son optimistas e espérase que o bo tempo acompañe e permita que os Reis Magos podan percorrer as rúas da vila e levar a ilusión a todos os nenos e nenas da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario