8 de dec. de 2016

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN PREPARA XA O CONTRATO DAS ROZAS PARA AS ESTRADAS PROVINCIAIS  DE CARA AO VINDEIRO VERÁN 

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que as áreas de traballo das empresas coincidirán coas das oito brigadas provinciais de mantemento para complementarse e ser máis eficaces   

A mesa de contratación da Deputación seleccionou hoxe as firmas que sanearán de inmediato as marxes de 800 quilómetros de vías   

 Uxío Benítez Fernández, deputado provincial de Mobilidade

Infogauda / Pontevedra

 O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anunciou hoxe que a Deputación está xa a traballar no contrato para realizar as rozas das estradas provinciais de cara ao vindeiro verán:A intención é que para a tempada estival as marxes das vías de titularidade da Deputación estean totalmente saneadas, e se facilite así a mobilidade peonil e rodada, garantindo unha mellor  seguranza viaria. As empresas contratadas estarán divididas en oito áreas de traballo que coincidirán coas zonas de actuación das brigadas provinciaisde mantemento co obxectivo de ser máis eficaces ao complementaro seu labor.  

 Benítez explicou que o departamento de Mobilidade vén de estudar durante os últimos meses o mellor modo de repartir o traballo de mantemento das estradas entre as brigadas dependentes da institución provincial e as empresas contratadas.   

 Tal e como se decidiu por parte do novo goberno provincial dende o primeiro momento, as brigadas provinciais continuarán a seras principais responsables do correcto mantemento e mellora das estradas de titularidade da Deputación, tendo que complementar e supervisar as actuacións contratadas para garantir a calidade dos traballos.  

 Finalmente, e tras analizar as subcontratacións de anos anteriores, tomouse a decisión de modificar o formato da adxudicación e, en lugar de sacar a contratación tres lotes de rozas como se viña facendo ata o de agora (zona Norte, Centro e Sur),aplicarase un acordo marco para sacar oito lotes de traballo vencellados ás oito brigadas. Así mesmo, un dos requisitos do novo contrato será que ningunha empresa adxudicataria se encargará de máis dun lote, co obxectivo de que os traballos se poidan realizar de xeito simultáneo e, por tanto, máis rápido. 

 Esta división por lotes e brigadas xa foi utilizada hoxe na adxudicación das rozas que se iniciarán as vindeiras semanas e a primeiros de 2017. De feito, a mesa de Contratación da Deputación propuxo as oito firmas que se encargarán do traballo de roza dun total de 800 quilómetros de vías (cen por lote) por un montante global de 166.012 euros.  O orzamento máximo de licitación era de 173.272 euros, polo que se acadou unha rebaixa importante. De feito, cada quilómetro rozado custará á Deputación entre 174 e 193 euros mentres que o gasto estimado de saída era de 216 euros. Presentáronse a esta adxudicación un total de 19 empresas.  

 Oito lotes na provincia 
 O primeiro lote de rozas, vencellado á brigada número 1 (centro), realizarase nos concellos de Barro, Meis, Ribadumia, Meaño, Cotobade e Campo Lameiro. Prevese unha roza de 100 quilómetros que serán adxudicados formalmente en Xunta de Goberno á empresa MultiserviciosContucho por 175,45 € unitarios.   

 O lote número dous, referido tamén ao centro da provincia, está vencellado á área que forman os concellos do Morrazo (Cangas, Moaña, Bueu, Marín e Vilaboa), así como Pontevedra, O Grove, Sanxenxo, A Illa, Vilanova, Vilagarcía e Cambados. A empresa adxudicataria é Fontefría, que presentou unha oferta de 192,39 euros por quilómetro.   

 O terceiro lote é para a área da brigada con base no polígono de Botos en Lalín, que abrangue os concellos de Lalín, Rodeiro, Vila de Cruces, Agolada e Dozón. A firma adxudicataria será Plantadeza SL, que ofertou un prezo unitario de 180.29 euros por quilómetro rozado.   

 No cuarto lote, a empresa que realizará os traballos será Moreira Gómez (cunha oferta de 177,87 euros por quilómetro) nos concellos de Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, Mondariz e Fornelos de Montes.   

 O quinto lote será para os concellos con base no parque de Ponteareas, e beneficiará á area de Ponteareas, Salvaterra, Salceda, As Neves, Arbo, A Cañiza, Crecente, Covelo, Mondariz e Mondariz Balneario. A empresa será Construccións, Obras e Viais, S.A., que plantexou un prezo de 181,50 euros.   

 O sexto lote, con Base en Codeseda, abranguerá parte da zona Norte, nos concellos de A Estrada, Cuntis, Caldas, Catoira, Valga, Ponte Cesures e parte de Silleda. Houbo unha oferta económica (193,60 euros quilómetro) das empresas Excavaciones y Obras Melchor SL y Penouriño SL, que se terá que resolver por sorteo.  

 O lote número sete corresponde á área da brigada con sé en Gondomar, que da servizo aos concellos de Porriño, Tui, Tomiño, Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán, Gondomar e Vigo. A adxudicación está prevista para a firma Mantecer SL por 191,18 euros por quilómetro rozado.   

 O lote número oito mellorará estradas provinciais que son atendidas dende o parque de Codeseda nos concellos de A Estrada, Silleda, Forcarei, Cerdedo e Cotobade. A empresa será Seanto SL, cunha proposta unitaria de 174,24 euros por quilómetro saneado.  

 Os traballos das empresas consistirán na roza e limpeza de cunetas e marxes do viario con medios mecánicos (motoniveladora), retirando pequenas plantas, maleza e broza. Posteriormente a empresa tamén se encargará da retirada do produto resultante a un vertedoiro autorizado. A contratación definitiva aprobarase logo de que as firmas presenten toda a documentación requirida (teñen 10 días de prazo) en Xunta de Goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario