A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, respondeu a distintas preguntas na Comisión 8ª
Preto de 70 persoas beneficiáronse dos cursos de mariñeiro pescador online ofrecidos pola Consellería do Mar
Esta cifra correspóndese cos alumnos matriculados nos cursos da escola náutico-pesqueira de Ferrol e do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo
Ademais a Consellería do Mar convocou outro curso de mariñeiro pescador online en Ribeira que está no proceso de matrícula e prevé convocar outros tres máis
En relación aos recursos específicos como o percebe ou os equinodermos, entre outros, explicou que a renovación de modalidades no permiso de explotación dunha embarcación é anual debido a que os plans de xestión teñen ese carácter
Infogauda / Galicia
A Consellería do Mar convocou este ano tres cursos de mariñeiro pescador online titorizados polo profesorado das escolas náutico-pesqueiras de Ferrol e Ribeira e do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo. Destes cursos lévanse beneficiado preto de 70 persoas.
Así o explicou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, hoxe na Comisión 8ª do Parlamento en resposta a unha pregunta sobre teleformación. A directora xeral sinalou que no curso ofertado desde a escola náutico-pesqueira de Ferrol matriculáronse 33 persoas e no de Vigo 35. En canto ao de Ribeira indicou que se está co proceso de matrícula e que se prevé que se beneficien del un total de 60 persoas.
A directora xeral engadiu que unha vez rematados estes tres cursos, se convocarán outros tres máis e que o profesorado dos centros de ensino da Consellería do Mar están traballando nos contidos doutros cursos para poder ofrecer a modalidade online da sección de ponte dos cursos de patrón/a local de pesca e patrón/a costeiro/a polivalente.
En canto aos seus contidos e metodoloxía, sinalou que o curso dura aproximadamente mes e medio e que unha vez rematado o curso realizarase un exame presencial e unha proba de natación.
Recursos específicos
En resposta a outra pregunta sobre a extracción de recursos específicos (especies coma o percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira, anémonas e poliquetos), a directora xeral explicou que a renovación de modalidades de recursos específicos no permiso de explotación (permex) dunha embarcación é anual, dado que os plans de xestión teñen este carácter. Esta renovación, aclarou, realízase segundo o calendario que para cada provincia e entidade asociativa do sector se estableza por resolución da xefatura territorial correspondente, que o fai de xeito adaptado ás necesidades e organización de cada entidade.
Entre a documentación a aportar para esta renovación figura o xustificante de ter aboado o pagamento da taxa correspondente en función da tonelaxe bruta das embarcacións, unhas tarifas recollidas na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta taxa, subliñou, existe dende sempre e a orde de recursos específicos regula como se renovan esas modalidades co obxectivo de evitar unha subexplotación dos recursos e promover a incorporación de persoas ao sector.
Engadiu ademais que o feito de que a renovación poida realizarse por confraría para todas as embarcacións asociadas que teñan recursos específicos no seu permex, permite a emisión dun permiso que inclúa todas as modalidades renovadas de recursos específicos da embarcación, e polo tanto unha única taxa para renovar todas as modalidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario