9 de dec. de 2016

LABORAL

A CIG-Servizos anuncia mobilizacións se Segur Ibérica non abona as nóminas pendentes 

O persoal da empresa de seguridade privada aínda non cobrou o salario de novembro nin as liquidacións


Infogauda / Oleiros

 A federación de Servizos da CIG anunciou que convocará mobilizacións en todo o país a partir da semana que vén no caso de que a empresa de seguridade privada Segur Ibérica non proceda a abonar as nóminas e as liquidacións que lle adebeda ao cadro de persoal. Ademais, a central ponse a disposición dos traballadores/as da empresa para que presenten as accións xudiciais necesarias para reclamar as cantidades pendentes.

 O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, lembra que os empregados/as de Segur Ibérica, compañía de seguridade privada que vén de presentar concurso voluntario de acredores, seguen sen cobrar o salario do mes de novembro, ao tempo que amosan a súa preocupación polo feito de que seguramente tampouco reciban a paga extra de decembro. Ademais, o persoal que foi subrogado polas empresas que asumiron os servizos aos que renunciou Segur Ibérica tampouco cobrou o soldo de novembro nin as liquidacións correspondentes.


 Diante disto, anuncia que no caso de que a empresa non satisfaga as débedas pendentes no prazo dunha semana convocarán mobilizacións e iniciarán as accións xudiciais oportunas. Neste senso, na central póñense a disposición dos traballadores/as para elaborar as demandas para reclamar as cantidades “xa que a empresa presentou concurso de acredores e as débedas teñen que estar recoñecidas”.  

 A falta de pago por parte da compañía xa foi posta en coñecemento da Inspección de Traballo, que emitiu varias resolucións recoñecendo que se trata dunha infracción moi grave. Con todo, dende a CIG continuarán a solicitar que se lle impoñan as sancións oportunas.

 Ao mesmo tempo, indican que a pesar de que hai clientes de Segur Ibérica que abonan regularmente as facturas por prestacións de servizos de seguridade “isto non repercute no pago dos salarios pendentes por parte da empresa”. Como exemplo citan o caso de Adif, onde dependendo da zona uns traballadores/as cobran e outros/as non, ou o dos servizos dependentes do Sergas, onde sucede o mesmo. “Isto pon de manifesto a mala fe empresarial, xa que non existe un criterio para o pago de salarios senón unha utilización perversa e arbitraria”, rematan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario