9 de dec. de 2016

LABORAL

Os estaleiros da Ría de Vigo, en situación crítica a pesar dos anuncios electorais 

A CIG denuncia que a carga de traballo prometida pola Xunta “esfumouse” tras as eleccións



Infogauda / Vigo

 A federación de Industria da CIG vén de denunciar a situación crítica que atravesan os principais estaleiros da Ría de Vigo a pesar das promesas electorais que anunciaban carga de traballo para os vindeiros anos. Dende a central critican que unha vez rematadas as eleccións os proxectos “esfumáronse” deixando as gradas sen actividade e avocando as empresas aos ERE.   

 Na CIG-Industria consideran que se confirmaron as sospeitas expresadas pola central no referente a que os anuncios feitos pola Xunta da man de Pemex eran unicamente un reclamo electoral unha vez que o director xeral da petroleira vén de asegurar que se anula calquera construción encargada a Barreras.  


 Dende a central lembran que xa en 2012 o PP utilizaba como propaganda electoral para continuar na Xunta unha multitude de anuncios de carga de traballo para o estaleiro, “entre eles o famoso flotel”. Posteriormente, en decembro de 2013 presentaban “a bombo e platillo” a entrada de Pemex como socio maioritario na empresa e prometían carga de traballo para varios anos coa construción dun atuneiro para a compañía Procepsa, ademais dun buque abastecedor e de tres buques tanque.  

 Mais tres anos despois todos eses proxectos “esfumáronse” e tan só se fixo o flotel, que vén de ser recollido polo director xeral de Pemex, acto no que aproveitou para confirmar a anulación de calquera construción pendente, “certificando as sospeitas que tiñamos na CIG de que non había nada detrás do anuncio electoral do flotel”.  

O estaleiro máis importante, sen actividade  
 “A única realidade nestes momentos é que o estaleiro máis importante da Ría de Vigo queda sen actividade e coa ameaza dun ERE á espera da posíbel confirmación da construción dun minicruceiro de luxo que leva meses anunciándose sen data”. Con todo, aínda confirmándose en datas próximas a chegada deste proxecto non se poderá evitar o peche da empresa durante varios meses.  

 Ao mesmo tempo, sinalan o acontecido no outro estaleiro de referencia da Ría de Vigo, Factorías Vulcano. “Un día antes das eleccións anuncian a contratación das obras de finalización do ferri rescatado de Sevilla, que levaba tres anos apodrecendo no peirao; pero mes e medio despois segue sen asinarse o contrato, o que está a xenerar dúbidas sobre a súa realización. Neste senso, indican que a un mes do remate do último ERE asinado este buque é a última esperanza que ten o estaleiro de evitar o peche, “polo que agardemos que non quede novamente en propaganda electoral”.

Ningún comentario: