11 de dec. de 2016

CULTURA

Cultura exhibe a obra de José Suárez en Uruguai, país clave na vida deste fotógrafo galego 

O secretario xeral de Cultura e o embaixador de España en Uruguai inauguran en Montevideo a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’

A mostra, que se abriu por primeira vez ao público na Cidade da Cultura en novembro de 2015, chega a este país tras pasar por Madrid e Bos Aires

Anxo Lorenzo, no acto de inauguración no que estivo acompañado polo embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela; polos comisarios desta mostra, Xosé Luis Suárez Canal –sobriño do fotógrafo- e Manuel Sendón, e pola directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira.

Infogauda / Montevideo

 O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, inaugurou o venres no Centro Cultural de España en Montevideo a exposición ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, mostra sobre a obra dun dos referentes da historia da fotografía en Galicia e España na primeira metade do século XX, un galego de Allariz que se exiliou a América tras o estalido da Guerra Civil e que viviu en Arxentina e Uruguai, dous países esenciais no seu periplo vital.
 “Innovador, experimental, inquieto e visionario”. Así cualificou o secretario xeral de Cultura a José Suárez (Allariz, 1902- A Guarda, 1974), “un dos nosos fotógrafos máis notables, un artista imprescindible que renovou a linguaxe fotográfica e que nos legou imaxes icónicas, convertidas en parte da historia visual de Galicia”, asegurou Anxo Lorenzo, nun acto de inauguración no que estivo acompañado polo embaixador de España en Uruguai, Roberto Varela; polos comisarios desta mostra, Xosé Luis Suárez Canal –sobriño do fotógrafo- e Manuel Sendón, e pola directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira.
 A exposición chega a Montevideo, grazas á colaboración da Embaixada de España neste país, e despois de pasar polo Centro Cultural Borges en Bos Aires e polo Instituto Cervantes en Madrid, cidades todas fundamentais na traxectoria vital do fotógrafo galego, quen residiu tamén en Tokio unha longa tempada. Precisamente, o Instituto Cervantes está a traballar nun proxecto para levar as fotografías de Suárez aos seus centros de Tokio e París. Con este plan de itinerancia, a Consellería de Cultura e Educación ten como obxectivo restituír a obra de José Suárez, quizáis o fotógrafo galego máis universal, ao lugar que lle corresponde na historia da arte.
 “Con este proxecto –dixo Anxo Lorenzo– o Goberno galego recupera un dos creadores máis extraordinarios da fotografía de España do século XX, no que atopamos o relato da historia compartida de Galicia e América, de maneira singular, de Galicia, Uruguai e Arxentina”. Neste país, José Suárez atopou un espazo de liberdade onde expresarse e “a súa obra non se pode entender sen a súa conexión emocional con este continente”.
 No remate da súa intervención, Anxo Lorenzo confiou en que, con esta exposición, “Uruguai descubra un fotógrafo que tamén é seu; un viaxeiro infatigable que, cativado pola beleza e o cariño deste país, quixo ter aquí un fogar no que quedar”.
 A inauguración da exposición sobre José Suárez coincidiu coa celebración en Uruguai da Noite dos Museos, xornada na que as institucións culturais ofertan unha ampla programación cultural e na que a mostra do fotógrafo galego aparece como unha das principais novidades da axenda artística.
 No marco da exposición, Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, comisarios da exposición, participaron o pasado martes nunha conferencia na que se analizou a relación dos fotógrafos galegos coa inmigración galega a América Latina a partir da obra de nomes como Manuel Ferrol, Virxilio Vieitez ou Ramón Caamaño, ademais de José Suárez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario