29 de out. de 2016

TOMIÑO

Vontade busca apoio para comprar un transporte adaptado para prestar a familias con problemas de mobilidade  

A asociación de persoas con discapacidade pon á venda 10.000 rifas ao prezo de 1 euro cada unha 

A primeira beneficiaria do futuro servizo será a familia de “Nel”, usuario afectado de ELA 


Infogauda / Tomiño

 A Asociación para persoas con discapacidade “Vontade”, vén de emprender, coa colaboración do Concello de Tomiño, un proxecto denominado “AUTO NOMÍA”, co obxectivo de fomentar a independencia e a integración social das persoas con problemas de mobilidade. Concretamente, trátase de prestar un transporte adaptado a familias que carecen de recursos para comprar un vehículo destas características.     

 Con este fin, Vontade, vén de sacar á rúa 10.000 rifas, a 1 € cada unha, que deben estar vendidas  antes do día 23 de decembro, data do sorteo (as catro últimas cifras do donativo teñen que coincidir coas do número premiado no sorteo da ONCE). O premio é unha cesta de Nadal valorada en máis de 1000 euros, que inclúe, ademais dos produtos típicos desta festividade, unha fin de semana nun apartamento rural de Ribadeo.     

 Por outra parte, o proxecto contempla actividades de concienciación sobre a ELA (Esclerose  lateral amiotrófica), doenza neurolóxica crónica e dexenerativa, que vai diminuíndo a mobilidade, provocando debilidade e atrofia muscular nas persoas que a padecen (varias na asociación). Están programadas, polo mesmo, charlas e outras accións de sensibilización sobre a necesidade de ampliar a investigación sobre esta doenza, sen cura até agora.     

 Por certo, a familia de “Nel”, un usuario de Vontade afectado por esta enfermidade, é a primeira que utilizará o transporte adaptado que quere mercar a asociación. Unha unidade de segunda man, adaptada, cuxo prezo ascende a 16.800 euros.     

 A idea da asociación, segundo explica o seu presidente, Miguel Pazo, é dispoñer dun vehículo que se poida prestar, por quendas, ás diferentes familias afectadas (seis de momento na zona), de maneira que estas teñan unha independencia de movemento para facer trámites, ir ao médico, á compra, pasear, etc.     

 A asociación Vontade, con sede en Tomiño, ten na actualidade perto de 200 socios con algunha discapacidade física ou mental (do Baixo Miño e concellos limítrofes).  

 So en Tomiño hai unhas 1000 persoas con discapacidade; na Comarca do Baixo Miño máis de 6.000, e un 10% delas, padecen algunha doenza que os discapacita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario