29 de out. de 2016

TOMIÑO

Unha votación popular escollerá entre os tres finalistas o nome do instituto de Tomiño  

A  votación se celebrará do 2 ao 13 de novembro, en urna e online  


Infogauda / Tomiño

 O consello escolar do instituto de Tomiño decidiu os tres nomes finalistas que se someterán a votación popular para bautizar ao instituto de Tomiño, un centro con máis de 600 alumnos. Os nomes escollidos son: Antón Alonso Ríos, Isaura Gómez e IES Tomiño.  

 A votación popular comezará o día 2 de novembro e rematará ás 24.00 horas do día 13 do mesmo mes.  

 O nome do instituto resultará da escolla de todos os votantes, e será, obviamente, aquel que maior número de votos reciba. Cada voto poderá emitirse nas urnas que se establecerán na recepción do instituto e no Concello de Tomiño, así coma polo canal online aberto especificamente para o proceso (accesible dende a www.concellotomino.es,  https://www.facebook.com/iesdetomino/ e  http://www.edu.xunta.gal/centros/iesdetomino/).  

 O proceso, pioneiro en Galicia e impulsado polo Concello, iniciouse a principios do mes de outubro, coa libre presentación de propostas de nome, por parte da cidadanía. Dos 51 nomes diferentes propostos, o comité de selección tivo que escoller 5 semifinalistas, dos que o consello escolar do instituto de Tomiño elixiu os tres finalistas.  

 O comité de selección estivo integrado por Daniel Pino (sociólogo urbanista), Albino Prada (economista), Zara Pousa (secretaria da Fundación Xavier Pousa), María Alonso (Premio Nacional de Tradución) e mais polo director do instituto, Carlos Villanueva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario