29 de out. de 2016

TOMIÑO

Tomiño presenta este sábado o libro “Daniel Calzado Poceiro. Un alcalde agrarista”, escrito por Lito Oliveira  

A presentación será ás 11:00 horas, no primeiro andar do Mercado Municipal 

A obra, editada polo Concello, será presentada polo historiador Bieito Alonso   


Infogauda / Tomiño

 O Concello de Tomiño presenta este sábado día 29 de outubro, ás 11:00 horas, o libro “Daniel Calzado Poceiro. Un alcalde agrarista”; obra do goianés Rafael A. Martínez Calzado (Lito Oliveira), con limiar do historiador Bieito Alonso.     

 A presentación da obra, editada polo Concello, será no primeiro andar do Mercado Municipal e contará coa presenza da alcaldesa de Tomiño e membros da corporación municipal, ademais de persoas convidadas e público en xeral. Bieito Alonso será o encargado, xunto á rexedora local, de presentar o traballo.     

 Daniel Calzado Poceiro, nado en Tomiño en 1890 e finado en Bos Aires en 1970, foi un político agrarista galego, emigrado a Arxentina e alcalde de Tomiño entre 1931 e 1935.     

 Rafael A. Martínez Calzado, máis coñecido coma Lito Oliveira, foi portavoz do BNG durante os anos 1987 a 2007 e exerceu como concelleiro de Tomiño durante ese mesmo período. Foi, ademais, un importante sindicalista, que estivo presente en comités de empresa e asociacións como a Comisión Pola Verdade do 36. Adestrador nas categorías inferiores do Goián F.C., apareceu sempre moi vinculado a todo tipo de actividades culturais da zona. Até o seu falecemento, no mes de agosto de 2015, foi presidente da asociación de veciños de Goián.     

 Dáse a circunstancia de que o acto de hoxe, contará coa presenza do neto de Daniel Calzado (José Ramón Calzado), chegado dende Arxentina especialmente para a presentación do libro. Onte o mediodía a alcaldesa e concelleiros recibíronlle no Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario