25 de out. de 2016

TOMIÑO

Tomiño e Cerveira acometerán tres proxectos comúns cun orzamento transfronteirizo  

Os cidadáns terán que votar para elixir tres proxectos (entre seis) das áreas de Cultura, Educación e Acción Social O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) foi presentado o martes día 25 de outubro en Tomiño    



Infogauda / Tomiño

 Durante un mes, os cidadáns de Tomiño e Vila Nova de Cerveira poderán escoller mediante votación telemática, tres proxectos de cooperación de entre seis que serán presentados para a súa escolla. Así o revelaron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Cultura de Cerveira, Aurora Viaes, durante a presentación do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) Cerveira-Tomiño 2017, celebrada o martes día 25 de outubro, no Concello tomiñés.  

 O OPT é un proxecto pioneiro na Eurorrexión Norte de Portugal /Galicia, que ten coma obxectivo involucrar aos cidadáns dos dous concellos veciños, na formulación de solucións para necesidades comúns. Dotado de vinte mil euros (20.000€), financiados ao 50% polas dúas cámaras municipais, servirá para costear os proxectos acometidos conxuntamente, tras a votación popular. 

 Segundo explicaron ambas mandatarias, os proxectos de cooperación que se someterán a votación, son resultado da actividade desenvolta durante varios meses polos grupos de traballo transfronteirizos (áreas de Educación, Cultura e Acción Social), nos que participaron unhas 40 entidades e persoas de ambas marxes).  

 A alcaldesa de Tomiño lembrou que esta “é unha experiencia piloto contida na Axenda Estratéxica no programa de “Promoción da participación pública e de Cidadanía Transfronteiriza”,  polo cal os concellos de Cerveira e Tomiño decidiron apostar por un mecanismo de participación cidadá, en prol da consolidación do intercambio existente e da constante mellora da calidade de vida dos nosos cidadáns”.  

 Aurora Viaes, pola súa banda, referiuse ao espírito de cooperación coma “un obxectivo prioritario dos nosos gobernos e que nos permite, ademais da integración, aproveitar recursos e non repetir actuacións innecesariamente”.     

Quen e como pode votar?  

 O OPT abrangue os territorios de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño, polo tanto, poderán votar os cerveirenses e tomiñeses, maiores de 18 anos, e que sexan votantes nalgún dos dous concellos.  

 Para que o proceso transcorra con normalidade e transparencia, os municipios adheriron a unha plataforma internacional de rexistro e votación (participacerveiratomiño.eu),onde as persoas interesadasdeberán efectuar o rexistro con seus datos e número de DNI, a partir do día 10 de novembro e até o 10 de decembro.     

 Haberá seis propostas para votación distribuídas polas tres áreas prioritarias e serán concretadas as tres máis votadas, unha por cada área:  

· Educación 
- Semana da Comunidade Educativa Cerveira-Tomiño 2017. - 1º Campus Deportivo e Educativo Cerveira-Tomiño.  

· Cultura 
- Festa Amizade Cerveira-Tomiño.  
- Encontro de Creatividade Cultural e Música do Miño.  

· Acción Social 
- Programa de Voluntariado de Apoio á Inclusión Social Infantil e Xuvenil.  
- Accesibilidade Sen Fronteiras: Programa transfronteirizo para a información, apoio e visibilidade das problemáticas de accesibilidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario