6 de out. de 2016

SAÚDE

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL 

Actores e xornalistas galegos apoian a loita contra os prexuízos cara a saúde mental  

Rostros coñecidos do panorama galego como Antonio Mourelos, Irene Lourido, Camila Bossa ou Morris únense á campaña de FEAFES Galicia para cambiar a mirada coa que se olla ás persoas con problemas de saúde mental. 
  

Ana Escrigas / Santiago

 Aproveitando a celebración do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora o 10 de outubro, FEAFES Galicia lanza unha campaña para tratar de desterrar os prexuízos que hai cara as persoas con problemas de saúde mental. Para iso, baixo o lema “Eu non teño prexuízos, ti si?”, a federación galega de saúde mental elaborou un spot no que actores e xornalistas galegos convidan aos espectadores a cuestionarse o seu xeito de xulgar ás persoas.   


 Antonio Mourelos, Irene Lourido, Antonio Durán “Morris”, Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Diego Viaño e Sheyla Fariña son os persoeiros que alzan a súa voz para explicar que a enfermidade mental non diferencia ás persoas, senón que as diferenzas están na mirada de cada quen. O spot, que conta con dúas versións, está a ser difundido a través das redes sociais e dalgúns medios de comunicación galegos.  

 A campaña de FEAFES Galicia polo Día Mundial da Saúde Mental conta tamén coa páxina web eunontenoprexuizos.org que serve como apoio informativo, a onde pode acudir a xente para saber máis sobre saúde mental e sobre a iniciativa posta en marcha por FEAFES Galicia para loitar contra os prexuízos.   

 Nesta web está dispoñible un cartel descargable co lema da campaña, “Eu non teño prexuízos, ti si?” para que a xente poida facerse fotos con el e subilas ás redes sociais, etiquetando a FEAFES Galicia ou poñendo o hagstag #eunonteñoprexuízos. Todas as fotografías recibidas serán subidas á propia páxina web xunto ás imaxes dos famosos que sosteñen a mesma cartela.   

 Ademais, no marco desta campaña, FEAFES Galicia tamén editou unha guía informativa baixo o título “Desmontando prexuízos sobre a saúde mental”, que derruba oito falsas crenzas asociadas ás persoas con problemas de saúde mental contrastándoas con datos e feitos obxectivos. Cada un dos prexuízos está introducido pola fotografía dunha das persoas coñecidas que participou no vídeo, contando ademais coa colaboración de Sabela Arán, que se une deste xeito á loita contra o estigma. Esta guía empregarase como material informativo e de sensibilización en charlas, xornadas, presentacións e outro tipo de eventos.   

Prexuízos e saúde mental  
 Cando falamos das dificultades que teñen as persoas con problemas de saúde mental para inserirse na nosa comunidade e ter unha vida normalizada, vemos que se atopan cun dobre obstáculo para a súa recuperación: a enfermidade en si e a discriminación que sofren por tela. Isto último é o que se chama estigma social, provocado fundamentalmente por unha serie de prexuízos e estereotipos que se deben á falta de información e ao descoñecemento.   

 Estes prexuízos provocan un trato inxusto que restrinxe os dereitos das persoas con problemas de saúde mental, facendo que se sintan inferiores e que non poidan gozar dunha calidade de vida axeitada. Isto súmase ás dificultades da propia enfermidade e constitúe un dos principais obstáculos para poñer en marcha un tratamento efectivo e lograr unha boa recuperación.  

 A campaña “Eu non teño prexuízos” de FEAFES Galicia pretende loitar contra o estigma asociado á saúde mental e visibilizar a discriminación que sofren estas persoas, amosando como son en realidade e desmontando os falsos mitos que existen arredor da saúde mental.   

 FEAFES Galicia, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que sofren problemas de saúde mental e a dos seus familiares.  

 O ámbito de actuación de FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 30 localidades e conta cun total de 5.900 socios. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario