30 de out. de 2016

MAR

A Consellería do Mar ultima a súa participación no clúster náutico do arco Atlántico para a creación de 10.000 postos de traballo 

Os impulsores do Proxecto Capiten do que forma parte a través de Portos de Galicia reuníronse en París para pechar a proposta que arrancaría en xaneiro de 2017  

Pretende acadar unha facturación de 10.000 millóns de euros a través da rendibilización dos valores da franxa costeira para o sector náutico

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar está a ultimar a través de Portos de Galicia a creación dun cluster do sector náutico para o arco Atlántico no que participarán cinco países: España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido. A constitución desta entidade é un dos obxectivos clave do proxecto Capiten do que o ente público é socio. Os impulsores deste proxecto veñen de reunirse en París para pechar a proposta que arrancaría no vindeiro mes de xaneiro e que opta a unha dotación económica europea de 3 millóns de euros para a súa posta en marcha.
 O proxecto Capiten intégrano 18 socios dos cinco países do arco atlántico costeiro que levan máis de dous anos de traballo coordinado para a presentación desta proposta. Tras ser concretada vénse de presentar ao programa europeo Interreg Espacio Atlántico que decidirá sobre o seu financiamento.
 Unha vez aprobado, o proxecto comezaría a executarse en xaneiro de 2017 cunha vixencia de dous anos. Neste período establécese como obxectivo prioritario a creación do cluster da náutica dos cinco países. Esta agrupación afrontará o desafío común de convertir a costa do eixo Atlántico nun destino recoñecido pola súa excelencia no sector náutico.
 Así, o obxectivo último é a posta en valor e rendibilización dos activos naturais e culturais da franxa costeira do arco Atlántico. En termos cuantitativos preténdese acadar unha facturación de 10.000 millóns de euros e a creación de 10.000 postos de traballo, favorecendo así o desenvolvemento económico dos territorios participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario