26 de out. de 2016

A GUARDA

A Guarda celebra a fin de semana de Samaín cunha nova cita dos Contos Contados e con Cinema  


Infogauda / A Guarda

 Achégase unha desas datas destacadas do calendario: o Samaín. E para celebralo dende o Concello da Guarda ofrécese unha ampla variedade de actividades para toda a familia.  


 O Centro Cultural será o lugar elixido para amenizar esta fin de semana tan especial. Durante estes días os guardeses teñen dúas citas co cinema. O venres, ás 21:30 horas, proxectarase o film de medo “La Cumbre Escarlata”, dirixido ao público xuvenil e adulto. Para os máis cativos da casa o sábado, ás 17:30 horas, hai unha sesión de cine familiar e infantil coa recoñecida película “El Libro de la Vida”.  

 Por outra banda, tras retomar o pasado sábado os Contos Contados coa presentación de Heraldo, a recentemente elixida como mascota da Biblioteca, este sábado volvemos coa segunda data dos Contos Contados na Biblioteca Municipal ás 11:30 horas. Nesta ocasión a actividade estará adicada á Samaín, polo que os conta contos incluirán historias de medo e tamén realizaranse outras actividades como manualidades e pintacaras.  




 Ademais, ata o luns 31 de outubro pode visitarse a exposición “Escenarios da Prehistoria no Centro Cultural. Esta é unha mostra de 37 fotografías de Federico de la Peña, acompañadas de ilustracións e paneis explicativos que fan un percorrido polas mámoas, castros e petroglifos máis singulares da provincia de Pontevedra. Está aberta, de luns a venres, das 10:00 ás 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; e os sábados só en horario de mañá das 10:00 ás 13:00 horas.   

 Dende o Concello da Guarda anímase a todos a celebrar no Centro Cultural o Samaín, acudindo ás diferentes propostas de ocio dirixidas aos diversos públicos e, se o desexan, que veñan disfrazados ó cinema e ós Contos Contados para pasar xuntos unha fin de semana terrorificamente divertida.

Ningún comentario: