18 de set. de 2016

TOMIÑO

LUÍS BARÁ: “O RURAL É UN SECTOR ESTRATÉXICO PARA RECUPERAR A ECONOMÍA GALEGA: HAINO QUE POÑER A PRODUCIR” 

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedrareivindicou o traballo da consellería liderada por Suárez Canal no bipartito con apostas como a creación do banco de terras  

“O BNG é unha aposta galega de calidade que ten demostrada a súa valía e saber facer nos gobernos nos que estivo”  



Ana Pontón e Luis Bará, con Xosé Represas, alcalde de Ponteareas, e representantes do BNG

Infogauda / Tomiño

 O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou este domingo día 18 de setembro en Tomiño, que o rural galego é un sector estratéxico na recuperación económica de Galiza e apostou por levar adiante políticas de desenvolvemento para aproveitar as súas potencialidades da man da innovación e da aposta pola diversificación na produción. Así mesmo, Bará reivindicou o traballo da Consellería de Medio Rural liderada por Suárez Canal, que durante o bipartito desenvolveu iniciativas como o banco de terras que a día de hoxe moitos produtores botan en falta. 

 O cabeza de lista destacou que durante os gobernos do Partido Popular produciuse un gran retroceso na situación do medio rural e do sector primario, ao tempo dun empeoramento das condicións económicas e de vida. “As consecuencias desas políticas traducíronse nunha peor situación dos veciños e veciñas que viven dese medio rural”, dixo, para engadir que hai que apoiar iniciativas que desenvolvan as capacidades produtivas do país fronte ás políticas centralizadoras. “O rural é un sector estratéxico para recuperar a economía galega: haino que poñer a producir porque é unha das nosas potencialidades”, asegurou. 

 “Temos o exemplo da planta ornamental do Baixo Miño, unha aposta pola diversificación do noso campo, que exporta a toda Europa, e precisa máis terras para poder ampliar a súa produción e competitividade. Botan en falta unha política como a de Suárez Canal para poder plantar máis, para poder ampliar a súa capacidade, e nós temos un exemplo de que as políticas que facemos cando estamos nos gobernos solventaban necesidades para poñer o país a producir”, asegurou. 

 Bará tamén salientou en Tomiño que o BNG é a garantía de que haberá un goberno alternativo ao de Feijóo despois do 25-S. “Os votos ao BNG garanten que o PP non terá maioría absoluta. Nós temos unha maneira de gobernar diferente que non só pemitirá un cambio nas caras do goberno, tamén nas súas políticas. Nós somos un produto 100% galego e a nosa razón de ser é a defensa dos intereses de Galiza. O noso traballo e o noso compromiso son para co país. Somos un produto galego de calidade”, salientou.  

 O cabeza de lista por Pontevedra aproveitou tamén para louvar á candidata do BNG á Xunta de Galiza, Ana Pontón, de quen dixo “ten valía, brillantez, capacidade e talento, ademais de facer as cousas por amor ao seu pobo”, por iso, subliñou, “estase a producir o ‘efecto Pontón’, ao que eu engadiría tamén o ‘efecto Pontón’ de ver a situación de Galiza con máis humanidade que o Goberno sen alma do PP”, destacou. 

 “Hai xente que lle quere a este país e a eses eu pediríalles o voto para o BNG, porque cada vez  estase a ver máis simpatía a Ana Pontón, máis simpatía ao BNG, porque estamos nun momento de auténtica remontada”, dixo. 

Ponteareas 

 Ademais de no mitin de Tomiño, Bará tamén estivo no día de hoxe en Ponteareas, onde se celebrou un acto político no que tamén estivo a candidata á Presidencia Ana Pontón. Na Praza Maior (actualmente foco de controversia pola peonalización aplicada pola Alcaldía), o candidato pola provincia de Pontevedra fixo unha encendida defensa do comercio local e da importancia de crear espazos de disfrute para os veciños e veciñas mediante medidas de peonalización. Asegurou que a pesares de reticencias iniciais moitos comerciantes recoñecen as bondades dos espazos peonís: “Así ocorreu en Pontevedra e en todos os sitios onde se aplican estas medidas. Os propios comerciantes acaban vendo os seus aspectos positivos e a súa repercusión económica positiva no negocio e pedindo máis espazos só para os peóns”, finalizou. 

Luis Bará no acto público do BNG - Nós, en Ponteareas 

 Durante o evento en Ponteareas un grupo de membros da formación nacionalista explicaron dez motivos básicos para votar BNG o vindeiro 25-S. Bará destacou a necesidade de apoiar o financiamento das empresas e os emprendedores, da creación dunha banca pública galega que garanta a xestión do aforro dos galegos e galegas e o crédito a familias e empresas. Pola súa banda, Pontón subliñou a aposta do BNG por impulsar un plan industrial que identifique e apoie sectores estratéxicos e combata a deslocalización das actividades auxiliares da industria galega, como a automoción ou o textil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario