12 de set. de 2016

GALICIA

A Xunta de Galicia activa un sistema de datos sobre os usos e a ocupación do solo, unha información básica para a ordenación do territorio 

A directora do Instituto de Estudos do Territorio presentou esta ferramenta, ao alcance do público en xeral, nunha xornada sobre as bases topográficas e cartográficas, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros en Xeometría e Topografía  

O Sistema de Seguimento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio é unha aplicación fácil de usar, que permite a consulta e análise das diferentes fontes de información relacionadas coa ocupación e uso do solo  

Salienta que a información xeográfica ten un papel imprescindible no deseño das diferentes políticas sectoriais, xa que se requiren información xeográfica actualizada



Infogauda / Santiago de Compostela

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de poñer en marcha un sistema de datos con información sobre os usos e a ocupación do solo (http://mapas.xunta.gal/visores/ocupaciondosolo/), unha documentación básica para avanzar no camiño da ordenación do territorio. Así o puxo de manifesto esta mañá a directora do Instituto de Estudos do Territorio, Inés Santé, que participou no inicio da xornada sobre as bases topográficas, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros en Xeometría e Topografía.
Salientou que o coñecemento da evolución do uso ou cobertura do solo é imprescindible para numerosos estudios ambientais e de ordenación do territorio; polo tanto, a cartografía de ocupación do solo é unha información básica para a ordenación do territorio e o planeamento urbanístico, pois é esencial coñecer a situación presente para poder establecer un plan axeitado de transformación do territorio, así como para a obtención de indicadores de sustentabilidade ambiental.
O Sistema de Seguimento da Evolución do Uso e Ocupación do Territorio é unha aplicación fácil de usar, que permite aos analistas do territorio -e aos cidadáns en xeral-, a consulta e análise das diferentes fontes de información relacionadas coa ocupación e uso do solo.
Tal e como detallou a directora, entre a información que se pode visualizar e consultar atópase dispoñible, por primeira vez, o Sistema de Información de Ocupación do Solo en España (SIOSE) dos anos 2009 e 2011, que se engade aos datos xa dispoñibles do SIOSE 2005. “Unha información sobre a evolución do uso do solo que se completará a finais deste ano cun novo mapa do SIOSE 2014, no que está a traballar o IET dende finais de 2015”, recordou Inés Santé; quen recoñeceu que Galicia avanza no camiño correcto, xa que no ano 2013, o proxecto SIOSE foi galardoado polas Nacións Unidas dentro do Plan Nacional de Observación do Territorio pola súa sustentabilidade e contribución á eficiencia económica na xestión dos recursos públicos.
Por último, a directora salientou que a organización de xornadas, como na que participou esta mañá, poñen de manifesto o valor social e económico da información xeográfica e o papel imprescindible que teñen no deseño das diferentes políticas sectoriais: medio ambiente, agricultura, transporte, desenvolvemento rexional, etc, xa que estamos ante sectores cuxa planificación e xestión require ineludiblemente o uso de información xeográfica actualizada.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario