18 de set. de 2016

CAMPOSANCOS

O I CICLO DE CINEMA "CAMPOSANCOS DE CINE", REMATOU CON UN ÉXITO TOTAL

Coa estrea das curtas "Camposancos no cinema", de Proxecto Socheo, e "Jeanette", de Xurxo Chirro, púxose broche de ouro 

Fotograma de "Jeanette"

Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos

 No último sábado deste verán de 2016, a Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común da parroquia de Camposancos, acolleu á derradeira sesión do I Ciclo de Cinema "Camposancos de cine".

 Co aforo totalmente completo, o salón de actos fíxose pequeno para dar cabida o numeroso público que non quixo perderse a estrea da curtametraxe "Jeanette", dirixida por Xurxo Chirro, e protagonizada por un xoven actriz de Camposancos, e con un elenco actoral formado maioritariamente por xóvenes escolares do IES A Sangriña, de A Guarda.

 Previamente o comezo da sesión, Beli Martínez, de Proxecto Socheo, fixo un limiar a xeito de presentación de outra curta que leva por título "Camposancos no cinema", realizado por Proxecto Socheo, e no cal se reflicten fragmentos de películas de diversas épocas, ordenadas cronolóxicamente, nas cales Camposancos e seu entorno natural, de fermosísima beleza, están presentes. Abren esa curta recopilatoria imaxes da autoría de Joaquín García Portela "Costiña", fotógrafo e cineasta guardés, autor das primeiras imaxes en movimento de A Guarda, que se coñecen ata agora, feitas por un guardés, e culmina precisamente con unhas esceas do Piñeiral do Feno, correspondentes a "Jeanette", de Xurxo Chirro. Entre unhas e outras, o respectable público puido ollar imaxes en b/n e tamén en cor, de películas de autores como Carlos Velo, Ramón  Torrado, Fernando Bauluz e Pedro Carvajal, Jaime de Armiñan, Manuel Octavio Gómez, Manoel de Oliveira,..., entre outros destacados directores, así como imaxes do NO-DO, e tamén de outras películas que se atopan na Filmoteca Nacional. Dese xeito pudemos refrescar ás nosas lembranzas cinematográficas, ollando a actores como Marcelo Mastroniani, Concha Velasco, Victoria Abril, Paco Rabal, Sancho Gracia,...  

 Beli Martínez salientou o feito curioso de que fosen varios os directores que localizasen imaxes de Camposancos, prácticamente desde o mesmo lugar. A verdade é que desde os cumios do Monte Santa Trega, o espectáculo do Esteiro do río Miño, a súa foz e a inmensidade do Océano Atlántico, así como as panorámicas deica as outras parroquias guardesas e o Val do Rosal, e o veciño Portugal, son, sen ningunha dubida un agasallo divino.

 O remate da proxección de "Camposancos no cinema", Beli Martínez voltaría a intervir, para salientar a concentración de talento que hai na zoa, así como os recoñecementos que acadou a curta "Jeanette", con un premio concedido polo Ministerio de Cultura, e o premio á mellor curtametraxe no Festival de Cine Independente de Cosquín (FICIC), en Argentina, onde en maio deste ano, tivo lugar súa exitosa estrea mundial. 

 Beli Martínez, tamén dixo que  "Jeanette" tamén estará no XX Festival de Cinema Internacional de Ourense, que se celebrará na Vella Auria, do 14 ao 22 de novembro próximo, de tal xeito que no seu percorrido internacional e nacional, esta curta, está tendo moi boa acollida.

 "Jeanette" está protagonizada por unha xoven que se chama Jeanette Conde, e conta coa participación de Ángeles Rodríguez, Antía Álvarez, Mateo Álvarez, Carmen Rodríguez, Álvaro Cara e Pablo Cividanes.

 Ademais de Xurxo Chirro, a curta contou coas colabouras técnicas de Jorge Carrasco, Beli Martínez, Beatriz Lema e Gustavo González. 

 Logo de ollar a proxección de "Jeanette", podemos decir que a traverso dunha ducia de planos, Xurxo Chirro logra captar á expresividade dunha protagonista, que vive súa adolescencia entre os reproches de súa nai, que non a quer ollar inactiva, as preguntas persoais de algunhas mulleres maiores e tamén do seu entorno amical, que ela tenta resolver, tomando a iniciativa de remesarlle unha mensaxe de vídeo a un compañeiro do instituto. A partires de aí, o relato adequire un galopante ritmo narrativo que nas expresions faciais de Jeanette, nos remesa diferentes mensaxes que non nos deixa indiferentes.
 Rematada a proxección, Jeanette Conde - que cando acabe o Bacharelato quer estudar Arquitectura - deu lectura a un fermoso poema da súa autoría. 

 Logo houbo novas intervencions de Beli Martínez, quen explicou que por estar residindo en Canarias, Xurxo Chirro non puido estar presente neste evento. Deseguido cedeulle o turno da palabra a Carmen Rodríguez González, nai de Xurxo Chirro, quen dixo que para ela, que naceu na postguerra, colabourar nesta iniciativa, a carón de xente xoven, foi como rexuvenecer uns cantos anos. 

 Asemade, cada unha das persoas que forman parte do elenco actoral, dixo unhas verbas, coincidindo todas elas, que foi unha experiencia moi positiva, haber participado na rodaxe de "Jeanette".

 Coa entrega de uns agasallos a Beli Martínez, Carmen Rodríguez e Jeanette Conde, chegaría o intre en que José Fernando Martínez Martínez, en nome da Xunta Rectora da Comunidade de Montes Veciñais en Mán Común de Camposancos, fixese súa valoración deste I Ciclo de Cinema "Camposancos de cine", salientando que máis de 700 persoas participaron neste evento. Agradeceu ás colabouras do presidente da Entidade Local Menor de Camposancos e seus vogais, así como da Xunta Directiva da Asociación "Os Amigos", porque é mérito de todos haber logrado desenvolver exitosamente esta iniciativa. Tamén tivo verbas de agradecemento para os medios de comunicación, por haberlle dado a correspondente difusión.

 Desde Infogauda felicitamos a tódolas persoas que fixeron posible que Camposancos sexa realmente de cine. Que o é.

1 comentario:

  1. Muitas grazas Ricardo, por haber estado e por todo o apio que nos das difundindo as nosas iniciativas. Unha aperta mui agarimosa

    ResponderEliminar