A partir do luns os menores de 19 anos viaxarán sen pagar un só euro no transporte metropolitano interurbano
Precisa que tamén será gratuíto o transbordo que se realice entre servizos interurbanos e urbanos, ou viceversa, cando forme parte dunha viaxe metropolitana
Salienta que, na medida en que os concellos das principais cidades, que posúen transporte urbano propio, sigan a petición que lles formulou o Parlamento de Galicia o pasado 28 de xuño, esta iniciativa poderá estenderse tamén ao transporte urbano
Subliña que as familias de máis de 200.000 disfrutarán dun aforro adicional nos desprazamentos cotiáns que pode chegar a case 1.200 euros anuais
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
Infogauda / Santiado de Compostela
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación da entrada en vigor o vindeiro luns, 29 de agosto, da gratuidade do transporte metropolitano interurbano para os rapaces menores de 19 anos.”Materializamos hoxe, definitivamente, unha das medidas extra que puidemos aprobar grazas a que cumprimos o déficit, incluídas dentro do paquete de recursos que destinamos a nenos e mozos”, dixo, ao que engadiu que con esta iniciativa a Xunta reforza o carácter social do Plan de transporte metropolitano de Galicia.
Feijóo precisou que esta medida permitirá contribuír de forma substancial ás economías familiares e, tamén, asentar o uso do transporte público entre as xeracións máis novas. Non en van, co programa Xente Nova os rapaces con idades entre catro e 18 anos, incluídos, e tendo en conta que os menores de catro anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos, disporán dunha tarifa de cero euros nas viaxes metropolitanas de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de transporte metropolitano de Galicia, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por persoa usuaria.
Igualmente, tamén será gratuíto o transbordo que se realice entre servizos interurbanos e urbanos, ou viceversa, cando forme parte dunha viaxe metropolitana.
Nesta mesma liña, o titular da Xunta salientou que, na medida en que os concellos das principais cidades, que posúen transporte urbano propio, sigan a petición que lles formulou o Parlamento de Galicia o pasado 28 de xuño, esta iniciativa poderá estenderse tamén ao transporte urbano.
Deste xeito, ás vantaxes do Plan de transporte metropolitano de Galicia, que permiten aforros superiores aos 600 euros por usuario do sistema de transporte público, as familias de máis de 200.000 mozos disfrutarán dun importante aforro adicional.
A modo de exemplo, Feijóo explicou que, ademais do aforro xa implantado no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, unha persoa titular da tarxeta Xente Nova que viaxe habitualmente entre Redondela e Vigo ou entre Narón e Ferrol, poderá aforrar 520 euros anuais; e, unha que viaxe habitualmente entre Betanzos e A Coruña ou entre Baleira e Lugo, poderá aforrar 800 euros anuais.
Así mesmo, noutras relacións, como entre A Estrada e Santiago, o aforro adicional pode acadar os preto de 1.200 euros anuais.
Esta iniciativa entrará en vigor a través da Orde da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que será publicada mañá venres no Diario Oficial de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario