Artesanía de Galicia participa na XII edición do festival 'Música no claustro' de Tui para achegar o sector á sociedade
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou esta mañá os obradoiros que se celebran no marco deste encontro cultural
Os talleres son impartidos pola ceramista Verónica Moar, Bolsa Eloy Gesto nos premios Artesanía de Galicia, e o construtor de instrumentos musicais tradicionais Xaneco
Infogauda / Tui
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, acompañada da xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitou hoxe en Tui os obradoiros de cerámica e percusión tradicional que se celebran dentro da programación da XII edición de Música no claustro, na que colabora a Xunta co obxectivo de achegar ao público os oficios artesanais galegos.
A artesanía ocupa un lugar destacado nesta nova edición do festival con dous talleres impartidos pola ceramista Verónica Moar e polo construtor de instrumentos musicais tradicionais Xaneco. Bolsa Eloy Gesto nos premios Artesanía de Galicia 2014, o obradoiro da coruñesa Verónica Moar, que conclúe hoxe, aposta polo deseño contemporáneo e funcional partindo dos coñecementos artesanais da cerámica, da simboloxía e do imaxinario artístico colectivo de todos os inscritos ao obradoiro. Pola súa parte, tras o éxito da pasada edición, Xaneco regresa hoxe a Música no claustro para construír artesanalmente un novo instrumento do rico patrimonio musical galego.
Estes obradoiros, nos que participan un total de 20 alumnos, completan a programación do festival, que arrancou onte e que se celebra ata o próximo domingo no claustro da catedral de Tui baixo a dirección artística de Samuel Diz.
Artesanía de Galicia xa participou en edicións anteriores nesta iniciativa, que incorporou ao patrimonio da catedral de Tui pezas elaboradas nos propios obradoiros por profesionais como Idoia Cuesta, Xaneco e Susi Gesto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario