11 de ago. de 2016

SALVATERRA DE MIÑO

Turismo de Galicia e Salvaterra asinan un convenio de colaboración para a instalación dun pantalán na zona fluvial do río Miño 

Estará situado na contorna do Ponte Internacional Joâo Verde e Armador Saavedra que comunica as localidades de Salvaterra e encóntrase moi próxima ao parque público da Canuda

Nava Castro sinalou que o obxectivo é aumentar as posibilidades de desfrute que ofrecen estas zonas fluviais a carón do río Miño  

A directora explicou que, deste xeito, potenciarase a oferta turística do concello mediante a potenciación do uso do pantalán como un espazo natural no que se poderán desenvolver actividades relacionadas co ocio e co turismo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Salvaterra, Arturo Grandal



Infogauda / Salvaterra de Miño

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Salvaterra, Arturo Grandal, asinaron esta tarde un convenio de colaboración para a instalación dun pantalán no dito concello pontevedrés.
 A construción estará situada na contorna do Ponte Internacional Joâo Verde e Armador Saavedra, que comunica as localidades de Salvaterra, encontrándose moi próxima ao parque público da Canuda.
 Ademais ao pantalán se poderá acceder a través dun embarcadoiro existente, que era utilizado antigamente para o transbordador Salvaterra-Monçao, e que protexerá a instalación das correntes do río.
 Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que o obxectivo é aumentar con el as posibilidades de desfrute que ofrecen estas zonas fluviais a carón do río Miño que, segundo afirmou, constitúen un gran reclamo turístico e importantes zonas de lecer tanto para os veciños do pobo como para os visitantes do concello.
 Neste senso, Nava Castro explicou que, deste xeito, se potenciará a oferta turística do concello de Salvaterra do Miño mediante a potenciación do uso do pantalán como un espazo natural no que se poderán desenvolver actividades relacionadas co ocio e co turismo.

Incremento da demanda da ría de Vigo e Baixo Miño

 Por outra parte, Nava Castro resaltou que esta actuación contribuirá a manter a senda de crecemento que se está a producir nos viaxeiros e nas pernoitas dos establecementos hoteleiros da ría de Vigo e Baixo Miño, en concreto, e de Galicia, en xeral.
 No primeiro semestre do ano o xeodestino ría de Vigo e Baixo Miño rexistrou un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados, do 15,91% en relación ao mesmo período de 2015, acadando os 214.280
 Esta mellora trasladouse tamén ás pernoitas que se situaron nas 404.974, o que supuxo un incremento do 22,84%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario