30 de ago. de 2016

PONTEVEDRA

A dúas semanas da súa clausura, a mostra "Meu Pontevedra!" contabiliza preto de 10.000 visitas 

Só no mes de agosto o número de visitantes superou os 5.300. 

"Meu Pontevedra!" dará paso á mostra que conmemora o centenario das Irmandades da Fala, na que a figura de Castelao tamén ten unha especial relevancia Meu Pontevedra 

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na exposición "Meu Pontevedra!'

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra, institución dependente da Deputación, vén de contabilizar un total de 9.638 visitas só na exposición "Meu Pontevedra!', a tan só dúas semanas da súa clausura, prevista para o domingo 11 de setembro. No que levamos de mes de agosto, ata o domingo 28, o total de persoas visitantes ascendeu a 5.325. Unha vez coñecido este dato, o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, salientou que "este éxito de visitantes vén corroborar a vixencia actual que ten Castelao, tanto polo seu pensamento como por todo o traballo que deixou e que nos ten que servir para pór aínda máis en valor o seu legado". O deputado tamén fixo fincapé en que "unha vez finalizadas as dúas grandes mostras deste ano para conmemorar as efemérides relacionadas co autor, é importante lembrar que o Museo de Pontevedra é o maior depositario da súa obra, polo que todo o seu legado está permanentemente accesible ao público en todas as épocas do ano".  

 Este interese do público e o alto número de visitantes recibidos no Sexto Edifico, xa levara a comezos de xullo a que Museo de Pontevedra ampliase a súa oferta de visitas guiadas á exposición, pasando das dúas semanais inicialmente previstas a cinco semanais. Estes horarios que se manterán nas dúas semanas restantes, seguen sendo ás 18:00 horas os mércores, venres e sábados; e ás 12:00 horas os martes e xoves ás 12:00. 'Meu Pontevedra!' que fora concibida para conmemorar os 100 anos da chegada de Castelao á cidade do Lérez, conta co fito histórico de expoñer os orixinais do Álbum Nós despois de case 90 anos desaparecidos. A mostra ofrece un exhaustivo percorrido pola obra e a traxectoria política e intelectual de Alfonso Daniel R. Castelao entre os anos 1916 e 1936, recollendo os vinte anos da súa estadía na cidade de Pontevedra. Nas tres salas de exposicións temporais do Sexto Edificio poden percorrerse máis de 400 obras ordenadas temática e cronoloxicamente, e que conforman unha exposición emblemática sobre o legado do autor rianxeiro. 

 Xosé Leal tamén aproveitou para sinalar que unha vez clausurada a exposición 'Meu Pontevedra!', o Museo acollerá a mostra sobre o centenario da fundación das Irmandades da Fala, que chegará ao Museo de Pontevedra o 14 de setembro, baixo o título 'Saúde e Terra, irmá(n)s!'. "Nesta mostra, Castelao seguirá tendo protagonismo como figura senlleira no seo das Irmandades e compartirá espazo con outras personalidades relevantes da época e do movemento que se conmemora", sinalou Xosé Leal.  'Saúde e Terra, irmá(n)s!' está organizada polo Museo do Pobo Galego, pola Real Academia Galega e pola Deputación da Coruña, e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra para achegala á cidadanía da provincia. En virtude de dita colaboración, a mostra permanece neste momento na Fundación Barrié de Vigo, onde estará ata o 8 de setembro, e poderá verse no Museo de Pontevedra entre o 14 de setembro e o 2 de outubro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario