2 de ago. de 2016

PONTEVEDRA

Presentaron un escrito por rexistro asinado por todos os alcaldes populares da provincia 

Alcaldes do PP presentan na Deputación un novo modelo para decidir entre todos os concellos a distribución dos recursos   

Defenden que ante as dúbidas amosadas pola presidenta da institución provincial, son os alcaldes quen mellor coñecen as necesidades dos veciños e das veciñas. 

Plantexan que a presidenta convoque a todos os alcaldes a unha asemblea antes do 15 de setembro 

Cada concello da provincia estaría representado por un voto.  



Infogauda / Pontevedra

 Os alcaldes do Partido Popular presentaron na Deputación de Pontevedra o modelo que consideran máis xusto para distribuír os recursos económicos da institución provincial, e que pasa por crear unha comisión para decidir por maioría as liñas xerais de reparto dos recursos económicos e a cantidade que a institución provincial destina aos concellos. 

 A súa proposta pasa porque a presidenta convoque a todos os alcaldes a unha asemblea no Pazo Provincial antes do 15 de setembro, baixo o criterio de un concello un voto, para nomear a comisión que decida por maioría tanto a cantidade como a distribución dos recursos económicos.  

 Os alcaldes populares sinalan que saben da importancia da Deputación e queren que sexa útil, polo que na súa proposta busca un modelo máis distributivo, pero sobre todo máis solidario. Nesta liña, recordan que a razón de ser das Deputacións é servir de apoio aos pequenos e medianos concellos e diminuír as desigualdades de oportunidades entre o urbano e o rural.  

 No escrito, presentado por rexistro e asinado por todos os alcaldes populares na provincia, explican que ante as dúbidas amosadas nas últimas semanas pola presidenta e o seu grupo de goberno sobre como xestionar os recursos económicos da Deputación de Pontevedra, son os alcaldes quen mellor coñecen as necesidades dos veciños e das veciñas de cada municipio, pero tamén as posibilidades reais e a trascendencia que a institución provincial ten para ofrecer solucións. 

 Por iso consideran que neste novo modelo os alcaldes xogan un papel fundamental, xa que serán os concellos os que van decidir e pactar como se distribúen os recursos económicos na provincia. Critican que non é tolerable que dos 150 millóns de orzamento que ten a Deputación, aos pequenos e medianos concellos só cheguen 40. Ademais de quedarse moitos millóns no camiño, critican que tamén se perderon moitos dos servizos que se prestaban aos veciños, e que a día de hoxe a Deputación non está ao lado do deporte base, das asociacións culturais, dos colectivos veciñais, das entidades sociais,…  

 Están convencidos de que os alcaldes doutras formacións políticas tamén apoiarán este novo modelo, porque non é en beneficio dos partidos políticos, senón a favor dos veciños e dos servizos que se lle prestan. Por iso piden que a presidenta se deixe de mensaxes triunfalistas e insisten en que o plan proposto polo bipartito  non convence nin aos alcaldes do Partido Popular como tampouco a rexedores doutras formacións. Consideran que foi precipitado e improvisado, polo que agora é momento de que todas as partes, Deputación e concellos, traballen de xeito conxunto.   

 Nesta liña, os alcaldes populares convidan á presidenta a que se de verdade ten unha vontade dialogante como presume os reúna a todos e se sente cos alcaldes da provincia para decidir en igualdade de condicións o reparto dos recursos económicos.

CONTIDO DO ESCRITO PRESENTADO POLOS ALCALDES POPULARES
 Os abaixo asinantes, alcaldes de municipios da provincia da provincia, ante a Presidenta da Deputación de Pontevedra expoñemos:  

 Que ante a falta de iniciativas da Deputación e as dúbidas amosadas pola presidenta e o seu grupo de goberno, sobre como xestionar os recursos económicos da Institución, os alcaldes e alcaldesas coñecedores das necesidades reais e das posibilidades que a institución provincial ten para ofrecer solucións, trasladámoslle unha proposta construtiva de como xestionar os recursos económicos da Deputación: 

 Que a totalidade dos concellos da provincia, reunidos en asemblea baixo o criterio de un concello un voto, nomeemos unha comisión para decidir por maioría as liñas xerais de distribución dos recursos económicos e a cuantía que a Deputación destina aos concellos.  

 Que dita asemblea se convoque na sede da Deputación de Pontevedra antes do 15 de setembro.  

 Quedando a espera das súas noticias, reciba un saúdo.    

 Pontevedra, 29 de xullo de 2016.  

 Asinan esta proposta  

Ramiro Varela, alcalde da Agolada; Horacio Gil, alcalde de Arbo;  Ángel Rodal, alcalde de Baiona; Julio Sayans, alcalde de Campo Lameiro; Miguel Domínguez, alcalde da Cañiza; José Balseiros, alcalde de Cerdedo; Jorge Cubela, alcalde de Cotobade; Juan Pablo Castillo, alcalde de Covelo; Julio García Luengo, alcalde de Crecente; José López, alcalde da Estrada; Belén Cachafeiro, alcaldesa de Forcarei; Jorge Canda, alcalde da Lama; María Ramallo, alcaldesa de Marín; Lourdes Ucha, alcaldesa de Meaño; Jose Luis Pérez, alcalde de Meis; Jose A. Lorenzo, alcalde de Mondariz Balneario; Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Cristina Correa, alcaldesa de Oia: Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; Juan Manuel Vidal, alcalde de Pontecesures; Víctor Estévez, alcalde de Portas; Javier Bas, alcalde de Redondela; Concepción Somoza, alcaldesa en funcións de Rodeiro; Jesús María Fernández, alcalde do Rosal; Arturo Grandal, alcalde de Salvaterra; Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; Jose María Bello, alcalde de Valga; Jesús Otero, alcalde de Vila de Cruces; e Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario