4 de ago. de 2016

MOVEMENTOS SOCIAIS

A Coordenadora de Afectados por Preferentes e Subordinadas de Galiza fará achega a varias ONGs dos importes recuperados das sancións impostas   

Tras o recurso contencioso-administrativo a xustiza dou a razón a decenas de membros das Plataformas que foron multados inxustamente nas súas protestas pacíficas


Coordenadora Galega de Plataformas por Afectados por Preferentes e Subordinadas  

 Nos últimos meses celebráronse máis de 50 xuizos polos recursos presentados polos afectados por preferentes que foron represaliados por distintas administracións públicas gobernadas polo PP, mediante numerosas multas e sancións administrativas. Multas impostas inxustamente por participar en actos pacíficos de denuncia, como así o demostran as sentenzas favorabeis aos recorrentes, que anularon as sancións impostas e obrigaron á administración a devolver a práctica totalidade do importe das mesmas.  

 A Coordenadora de Afectados por Preferentes fixo fronte a estas sancións e os seus recursos a través dun bono-axuda con pequenas achegas individuas e colectivas. O importe recuperado, tal como se acordara, destinarase en parte a asociacións destacadas pola súa loita e compromiso social en eidos nos que as administracións públicas está a aplicar recortes ou de costas ao pobo. Así, fixose achega de talóns por importe de 1.000 € a cada unha das seguintes organizacións que destacan na súa traxectoria na defensa da Sanidade Pública e dos Dereitos Humanos: Médicos do Mundo, Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Plataforma SOS Sanidade Pública e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.   

 O acto de achega dos talóns ás ONGs tivo lugar este xoves día 4 de agosto ás 11:30 horas na Praza 8 de marzo (entrada á rúa de San Pedro), ao que asistiron membros das distintas organizacións e plataformas de afectados. Fixeron á achega dos mesmos, membros das Plataformas que no seu día foron inxustamente sancionados ou represaliados por reclamar pacificamente os seus aforros.   

 Despois de 4 anos loitando xuntos pola recuperación dos nosos aforros, a día de hoxe a xustiza deu a razón ao 100% dos membros das plataformas que presentaron demanda contra a entidade bancaria pola estafa masiva, incluída a devolución da quita imposta aos aforradores estafados polo “decretazo do expolio”, aprobado no Parlamento español coa maioría absoluta do partido do goberno de Mariano Rajoy.  

 Porén, desde a Coordenadora non se esquece que non todo está resolto, xa que 10.000 galegos e galegas seguen sen recuperar os seus aforros, uns 100 millóns de euros dos que nin Abanca nin a Administración do Estado ordenaron a súa devolución, sendo coñecedores da identidade dos estafados. Ao tempo aprovéitase para denunciar que o Partido Popular rematou a lexislatura coa Comisión de Investigación das Caixas no Parlamento Galego secuestrada, sen que se depurasen responsabilidades penais nin políticas. A día de hoxe ningún responsábel da maior estafa de Galiza está a ser xulgado.  

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario