9 de ago. de 2016

MOS

Xunta de Galicia e Concello de Mos asinan un acordo de colaboración para a construción dunha nova escola infantil 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, avanza que esta escola de 82 prazas e 6 unidades poderá entrar en funcionamento no curso 2017-2018

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, logo de asinar o convenio de colaboración

Infogauda / Mos

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez, para a construción dunha nova escola infantil neste concello pontevedrés. Deste xeito, o municipio mosense pasará de ter dúas escolas infantís a tres.
O acordo para a construción e equipamento da escola infantil en Mos, que será xestionada polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e que será integrada na rede autonómica ‘Galiña Azul’ permitirá, como indicou o conselleiro, que “o número de prazas públicas en escolas infantís no concello se duplique ao pasar de 82 a 164”. O responsable social do Goberno galego apuntou tamén que con esta nova infraestrutura, o concello de Mos “pasará de ter unha ratio de cobertura do 22% ao 44%, superando a media aconsellada pola Unión Europea”.
O responsable da carteira social salientou que esta nova escola infantil completará a oferta xa existente xa que na actualidade o concello conta con outras dúas escolas infantís na rede autonómica -A Porteliña e Coto Torrón- de 41 prazas cada unha. “As administracións temos a obriga de axudar á conciliación e ao benestar das familias galegas, a sumar esforzos, porque os nosos nenos e as nosas nenas son a nosa esperanza e o noso futuro”, aseguraba Rey Varela tras a sinatura do convenio de colaboración, ao tempo que subliñaba que “coa construción deste novo equipamento o Concello de Mos situarase como un concello de referencia en canto a número de prazas en escolas infantís en Galicia”.
Rey Varela asegurou que esta escola de 82 prazas e 6 unidades poderá entrar en funcionamento no curso 2017-2018. O orzamento previsto será de 1.031.141,55 euros dos que a Xunta de Galicia a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar achegará 800.000 euros e o Concello de Mos os restantes 231.141,55.

Ningún comentario:

Publicar un comentario