8 de ago. de 2016

GALICIA

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente de FEAFES, Xosé Ramón Girón García, asinaron hoxe un convenio de colaboración 

A Xunta impulsa coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental un programa de apoio socio-educativo comunitario e atención no fogar Escoitar 

O acordo ascende a un importe total de 60.000 euros e ten como finalidade contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, así como fortalecer a autonomía e independencia destas persoas para a súa inclusión social activa e produtiva

Rey Varela e o presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), Xosé Ramón Girón García, asinaron un convenio para o desenvolvemento dun programa piloto de apoio socio-educativo comunitario e atención no fogar
Foto: Conchi Paz
Infogauda / Santiago de Compostela

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), Xosé Ramón Girón García, asinaron hoxe en San Caetano un convenio para o desenvolvemento dun programa piloto de apoio socio-educativo comunitario e atención no fogar. O montante económico deste acordo de colaboración ascende a un total de 60.000 euros.
 Así, a través deste protocolo de colaboración a Xunta de Galicia contribuirá ao financiamento de actividades de no eido da información, orientación e atención sociofamiliar; ademais de reforzar as intervencións en domicilios e os acompañamentos sociocomunitarios. Rey Varela explicou que o obxectivo deste convenio é contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias, así como fortalecer a autonomía e independencia persoal destas persoas para a súa inclusión social activa e produtiva.
 Ademais, o titular da carteira autonómica de Política Social enmarcou este acordo con FEAFES na necesidade de seguir desenvolvendo un espazo de intervención efectivo para este colectivo, capaz de dar unha atención integral centrada na persoa e que dea prioridade ás actuacións preventivas e de rehabilitación. Neste sentido, o conselleiro apuntou que se estima que en Galicia entre o 2,5 e o 3% da poboación adulta parece un trastorno mental grave, sendo a segunda causa de discapacidade despois das físicas.
 Rey Varela encomiou o traballo que leva a cabo dende hai anos as entidades centradas na atención a persoas con algún tipo de discapacidade mental, e reiterou o apoio da administración autonómica a este colectivo mediante o reforzo dos servizos orientados á normalización e integración social deste colectivo. “É vontade do Goberno galego de apoiar ás persoas con discapacidade e ás súas familias en todos os pasos que dean cara a conseguir unha maior calidade de vida”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario