5 de ago. de 2016

BAIONA

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, tratou hoxe co alcalde, Ángel Rodal, obras proxectadas polo Goberno galego para optimizar a mobilidade neste municipio 

A Xunta e o Concello de Baiona abordan melloras na travesía desta localidade e na glorieta de Sabarís e a execución de sendas seguras e sustentables na estrada PO-552, cun investimento de case 800.000 euros 

Vázquez Mourelle destaca que se reparará o firme na travesía desta vila e executará unha nova glorieta para facilitar o acceso á lonxa e ao Porto Deportivo, traballos que contarán coa achega de preto de medio millón de euros

Concreta que neste mes de agosto licitaranse as obras co obxectivo de iniciar os traballos o antes posible nesta travesía  O Goberno galego tamén executará melloras de accesibilidade na glorieta de Sabarís, modificando unha das actuais saídas para permitir a incorporación directa á estrada autonómica, á PO-552, dirección Vigo  

Estas obras na rotonda, que comezarán nas próximas semanas, reforzarán a seguridade e favorecerán a accesibilidade ao cámping existente nesa zona, moi concorrido nesta época estival  

A conselleira subliña que tamén se executarán dúas sendas na estrada PO-552: unha no paseo marítimo, deseñando un espazo exclusivo para ciclistas ata o Porto Deportivo; e outra na zona de Santa Marta  

Estes itinerarios están enmarcados no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Vigo, que contempla un investimento de 2,8 millóns de euros para a construción de 11 sendas sustentables e seguras

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal


Infogauda / Baiona

 A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Baiona, Ángel Rodal, para abordar catro actuacións de mellora de seguridade viaria que contarán cun investimento da Xunta de case 800.000 euros.
 Vázquez Mourelle explica que o Goberno galego optimizará a travesía de Baiona, mellorará a glorieta de Sabarís e executará dúas sendas que favorecerán os desprazamentos habituais dos veciños e dos turistas que se achegan cada ano a esta vila mariñeira.
 En primeiro lugar, a titular de Infraestruturas e o rexedor trataron as accións de mellora que levará a cabo o Executivo autonómico na travesía de Baiona, na PO-552, mediante un investimento de preto de medio millón de euros.
 As obras contemplan a reparación do firme ao longo de 3 km e a execución dunha nova glorieta para mellorar o acceso á lonxa e ao Porto Deportivo, dando tamén cumprimento á petición do Concello.
 A conselleira indicou que o proxecto xa está aprobado, para o que se coordinaron traballos con Portos de Galicia para garantir a compatibilidade coa actividade portuaria. Concretou que neste mes de agosto licitaranse as obras co obxectivo de iniciar os traballos o antes posible.

Melloras na glorieta de Sabarís


 O Goberno galego tamén executará obras de mellora da accesibilidade na glorieta de Sabarís, modificando unha das actuais saídas, a existente desde a Avenida José Pereira Troncoso, para permitir a incorporación directa á estrada autonómica, á PO-552, dirección Vigo.

 Ethel Vázquez salientou a importancia desta actuación, xa que reforzará a seguridade e favorecerá a accesibilidade ao cámping existente nesa zona, moi concorrido nesta época estival. Destacou que se comezarán as obras nas próximas semanas , co obxectivo de que estean rematadas a finais de outubro.

Sendas seguras e sustentables na PO-552


 A conselleira tamén lle mostrou hoxe ao alcalde o deseño das dúas novas sendas programadas pola Xunta neste municipio, cuxo investimento total ascende a 281.000 euros.

 Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Vigo, que contempla un investimento de 2,8 millóns de euros para a construción de 11 sendas sustentables e seguras.
 Nunha primeira fase do Plan de Sendas de Galicia acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros. Avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas proxectadas en toda a comunidade
 No que se refire a Baiona, por un lado, no paseo marítimo, deseñouse un espazo exclusivo para ciclistas ata o Porto Deportivo, unha senda cun orzamento de 184.000 euros. Trátase de aproveitar o paseo xa existente, parte da beiravía e a plataforma adoquinada que se atopa a un nivel superior, para construír un novo itinerario, pola marxe dereita da estrada, que permita dividir o tráfico peonil e ciclista: habilitarase unha senda ciclista de 1,8 metros e o paseo peonil quedará cun ancho de 4 metros.
 A outra senda, a de Santa Marta, actuarase nun treito de 250 metros, co pavimentado da infraestrutura e a conexión con outros itinerarios existentes, nunha actuación coordinada coa renovación do paseo marítimo cuxo proxecto está a redactar Costas do Estado. A Xunta destinará máis de 97.000 euros a estes traballos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario