VERÁN CON SABOR A MAR
FESTA, MANXARES, DEPORTE E MOITA MÚSICA, AMENIZARÁN A ÚLTIMA FIN DE SEMANA DE AGOSTO NA GUARDA
Infogauda / A Guarda
Unha fin de semana máis a Guarda prepárase para ofrecer a todos os seus veciños e visitantes, unha ampla oferta de actividades culturais e de entretemento.
A última fin de semana do mes de agosto comeza cunha das citas máis destacadas deste verán na vila: o concerto do grupo de “De Vacas” este venres día 26 de agosto ás 22:00 horas na Praza do Reló. Trátase dunha das 5 actuacións programadas dentro da primeira edición do festival Música nas Prazas. “De Vacas” ofrecerá as súas versións de cancións coñecidas nunha actuación que, en caso de chuvia, se trasladará ao Centro Cultural.
O sábado día 27 terá lugar o X Festival de Bandas “Vila da Guarda” organizado pola Agrupación Musical da Guarda en colaboración con concello da Guarda. Este incluirá as actuacións da Banda de Música de Salvaterra, da Banda “Airiños do Morrazo” e da Agrupación Musical da Guarda no Auditorio de San Benito ás 20:00 horas. En caso de choiva se celebrará no patio do Colexio PP. Somascos.
Ese mesmo día, o sábado ás 22:30 horas, terá lugar o VII Serán da Guía organizado pola Agrupación Folklórica Vento Mareiro. Neste serán grupos de música tradicional reúnense para tocar na Praza da Guía.
Ademais, durante toda a fin de semana, dende o venres día 26 ata o domingo día 28, celébrase a V Festa do Percebe e de produtos da terra e do mar, na Alameda da Guarda. Esta festa está organizada pola Asociación Veciñal Cultural e Deportiva O Cancelón e nela se poderá desfrutar do mellor da gastronomía da zona. A festa dará comezo o venres día 26 das 21:00 ás 24:00 horas. Durante o sábado se poderán degustar estas delicias gastronómicas dende as 12:00 ata as 16:00 horas e pola noite das 20:00 ás 24:00 horas. Xa no domingo día 28, último día desta festa, a festa comezará ás 11:00 horas.
Saída da proba absoluta da Carreira Pedestre Virxe da Guía, nunha edición precedente
Foto: Infogauda
O domingo día 28, ás 19:00 h., en Ribadavila, darán comezo ás Carreiras Pedestres Virxe da Guía, que organiza a Comisión de Festas da Guía.
As inscripcións pódense efectuar previamente, dirixíndose o seguinte enderezo electrónico: carreiradaguia16@hotmail.com
Asemade, os atletas que desexen face-lo no mesmo día da proba, na Praza da Guía, teñen como hora límite ás 18:30 h..
Poderán participar atletas de ambos sexos, nas seguintes categorías: De 0 a 3 anos; de 4 a 6 anos; de 7 a 9 anos; de 10 a 12 anos; de 13 a 15 anos; de 16 a 21 anos; de 22 a 30 anos; de 31 a 40 anos; de 41 a 50 anos; e de 51 en diante.
Haberá trofeos para os ganadores absolutos (feminina e masculino), así como para os tres primeiros clasificados de cada categoría.
Entregaranse medallas/detalle que a organización considere a tódolos participantes ata a categoría de 10 a 12 anos, tanto en féminas como en varons.
Complétase así unha fin de semana na que a oferta gastronómica, cultural, deportiva e de lecer segue a ser moi variada, con opcións para tódolos públicos, como ven sendo característico neste verán na vila da Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario