29 de xul. de 2016

MAR

A Xunta de Galicia defende a igualdade de condicións entre países para manter a competitividade da frota galega 

A Xunta defende a igualdade de condicións entre países para manter a competitividade da frota galega

Rosa Quintana sinalou que esta premisa é necesaria en cuestións como o incremento de observadores científicos a bordo para a análise da situación das pesquerías e en relación á prohibición do corte de aletas de quenlla a bordo dos buques (finning)

Destacou o papel clave dos observadores científicos para acadar unha maior precisión nas mostraxes de estudo dos stocks na procura dunha explotación sustentable dos recursos  

En canto ao finning advertiu que a frota palangreira española apenas é responsable do 7% do total de capturas mundiais de quenlla e veu realizando a súa actividade de xeito responsable e sen practicalo, pois realiza o aproveitamento integral da especie  

Na xornada de hoxe Rosa Quintana continuará a rolda de visitas ás confrarías de pescadores na da Guarda e na de Baiona

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, saudando o presidente de OR.PA.GU., en presenza do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz

Infogauda / A Guarda

 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta mañá na Casa dos Alonso, de A Guarda, as III Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores, da Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU). Alí defendeu a importancia de contar coa igualdade de condicións entre países para manter a competitividade da frota galega. Unha premisa necesaria, segundo expresou, en cuestións como o incremento de observadores científicos a bordo para a análise da situación das pesquerías e en relación á prohibición do corte de aletas de quenlla a bordo dos buques (finning).

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, inaugurou esta mañá na Guarda as III Xornadas internacionais de pesca sobre grandes migradores, da Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU)

 En relación aos observadores científicos, a titular de Mar, destacou o seu papel clave para acadar unha maior precisión nas mostraxes de estudo dos stocks na procura dunha explotación sustentable dos recursos. Unhas mostraxes, dixo, “que deben ser precisas, exhaustivas e permanentemente actualizadas para manter o bo equilibrio entre o bo estado da biomasa e a viabilidade das empresas pesqueiras”.
Neste sentido, explicou que a Xunta aplaude o incremento de observadores a bordo “sempre e cando sexa progresivo e adaptado á nosa realidade en aras de conseguir que o sistema permita manter a competitividade da nosa frota e que sexa igualitario ao resto das frotas do mundo”. “Ese incremento debemos facelo ao mesmo tempo que aqueles terceiros países que están sendo máis reticentes”, subliñou.
 En canto ao finning, outra cuestión de importancia fundamental para a frota palangreira, Rosa Quintana, explicou que a súa prohibición “impide o correcto procesado e almacenamento a bordo das quenllas, o que restou competitividade ás nosas empresas pesqueiras”. Neste sentido, fixo fincapé na necesidade “dunha profunda análise e un posicionamento de máxima firmeza” sobre as consecuencias socioeconómicas desta prohibición “entre os que practican unha pesca responsable e os que actúan ao amparo de leis máis permisivas cortando as aletas e descartando os corpos”.
 Nesta liña, advertiu que a frota palangreira española apenas é responsable do 7% do total de capturas mundiais de quenlla e que veu realizando a súa actividade de xeito responsable eficiente e sustentable e sen practicar o finning, pois realiza o aproveitamento integral da especie. Así, sinalou que un xeito de loitar contra a práctica do finning sería a través da obriga de desembarcar corpos e aletas no mesmo porto. Neste cometido destacou a importancia do papel das Organizacións Rexionais de Pesca.

Visita ás confrarías da Guarda e Baiona



 Ademais esta mañá Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez continuou coa rolda de visitas ás confrarías de Pescadores en A Guarda e Baiona nas que se reuniu cos seus representantes. O obxectivo destas visitas é coñecer de primeira man as súas necesidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario