CIG-SAÚDE REXEITA O PECHE DE CAMAS HOSPITALARIAS DURANTE O VERÁN
Desde CIG-Saúde queremos manifestar o noso rexeitamento ao peche de camas durante o verán no Hospital Meixoeiro, e, de chegar a producirse, tamén no H. Álvaro Cunqueiro.
Diante dos rumores e os comentarios realizados ao persoal das plantas que pensan pechar, parece que un ano máis a Xerencia da EOXI de Vigo vai ser insensible as necesidades de acurtar as listas de espera e pensa pechar máis camas durante este verán.
Este peche de camas sumaríase ao que xa está ocorrendo a día de hoxe no H. Meixoeiro, onde permanecen pechadas 105 camas, 30 máis nos fins de semana.
Non entendemos que se prescinda de recursos que poderían ser utilizados para recortar as intolerables listas de espera cirúrxicas que padecemos na nosa área sanitaria.
A única explicación é utilizar ao persoal, das plantas que pechan, para cubrir os postos de traballo do persoal que está de vacacións nese período, aforrando contratacións á conta de manter ou incrementar as listas de espera.
Acompañase á nota unha táboa coa situación, a día de hoxe, do H. Meixoeiro, ordenada por plantas, velas e servizos, onde figuran as camas existentes, e a súa situación, co número de pacientes ingresados ou se están pechadas. É destacable que permanecen pechadas 60 camas na planta 3ª e 30 camas na 6ª, así como, que para non contratar máis persoal, na planta 5ª ala 1 non se superan os 15 pacientes. E todo isto está a ocorrer mentres se están a derivar pacientes á sanidade privada.
Desde CIG-Saúde esiximos que non se pechen máis camas no verán, que se abran ás pechadas no H. Meixoeiro, e que se dote a este hospital de servizos que lle permitan incrementar a súa capacidade asistencial atendendo a pacientes de maior complexidade, como unha unidade de coidados de pacientes críticos.
Vigo, 23 de maio de 2016
Manuel González Moreira
Secretario Comarcal CIG-Saúde
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario