A Deputación de Pontevedra adxudica dúas bolsas vacantes do plan de práctica laboral na Deputación e nos concellos da provincia
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra, na súa Xunta de Goberno, vén de aprobar a adxudicación de dúas bolsas vacantes, dentro do Plan de Práctica Laboral na Deputación e nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. As dúas prazas serán cubertas por persoas tituladas en Historia ou Información e Documentación e terán como destino o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, onde realizarán tarefas de arquivística, inventariado e catalogación no Arquivo da Deputación de Pontevedra e nos arquivos municipais da provincia.
Un total de 209 mozos e mozas da provincia estanse beneficiando do Plan de Práctica Laboral na Deputación e concellos de menos de 50.000 habitantes, polo que persoas con diferentes titulacións universitarias e graos superiores en formación profesional, sen experiencia laboral previa, completan así a súa formación académica en distintas áreas relacionadas cos seus estudos.
Trátase dun programa para o que a Deputación de Pontevedra destina máis de 2 millóns de € e enmárcase nunha das súas políticas prioritarias de redución do desemprego xuvenil e de inserción laboral da mocidade na provincia. A esta mesma liña de traballo hai que sumarlle tamén o Plan de Práctica Laboral en empresas, que beneficiará a 400 persoas e para o que se destinan 700.000 €, así como outras 15 bolsas para as oficinas de turismo municipais, cun orzamento de 46.000 euros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario