Modesto Fraga recibe o XIX premio de poesía Concello de Carral pola súa obra ‘Devalar sen pel’
No acto de entrega tamén se presentou o poemario gañador de 2015, ‘Soño e vértice’, de Eva Veiga, editado co apoio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística
Infogauda / Carral (A Coruña)
Modesto Fraga recibiu esta tarde o premio do XIX Certame de Poesía Concello de Carral, pola súa obra ‘Devalar sen pel’, nun acto no que tamén se presentou a edición do poemario gañador na pasada edición de 2015, ‘Soño e vértice’, de Eva Veiga, publicado co apoio da Consellería de Cultura e Educación.
“Para Eva Veiga –dixo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo–, esta edición de ‘Soño e vértice’ é unha oportunidade para espallar esta obra e para poder levala canda ela como unha carta de presentación actualizada do seu traballo”. Nese sentido, subliñou “a implicación de Espiral Maior co certame, xa que a responsabilidade e a importancia do labor dos editores ten con frecuencia escasa visibilidade cando se fala dunha obra nova que ve a luz, pero sabemos que é unha peza imprescindible no motor da creatividade cultural”.
Gratitude a Sabino Torres
O secretario xeral tamén tivo palabras de recoñecemento para Sabino Torres, “a quen despediamos esta semana en Madrid, un dos pioneiros da edición da poesía en galego e a quen quero recordar hoxe neste acto, e expresarlle a gratitude do conxunto da cultura galega pola súa tarefa”.
Neste sentido, afirmou que “é unha honra poder gabar as achegas dos que xa non están e que nos deixan o seu legado, e outro tanto o é poder facelo de traballadores da palabra como Modesto Fraga, nesta volta merecente deste galardón, fisterrán xa cunha longa traxectoria no ámbito da escrita”.
Finalmente, recordou que a Xunta de Galicia vén colaborando con este premio promovido polo Concello de Carral “co convencemento da necesidade de manter iniciativas estables e de prestixio –do prestixio que dá a calidade e a traxectoria lograda co tempo polos premiados– para promover a creación poética en galego”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario