21 de maio de 2016

A GUARDA

O CONCELLO INVITA A SUMARSE Ó DÍA EUROPEO DA REDE NATURA 2000 

A Rede Natura 2000 é unha rede de espazos naturais que se estende por tódolos países da Unión Europea e que ten como finalidade protexer a natureza e a biodiversidade europea máis salientable
  

 Infogauda / A Guarda

 Este sábado, día 21 de maio, celébrase o Día Europeo da Rede Natura 2000. Esta iniciativa vén impulsada pola organización sen ánimo de lucro SEO/BirdLife para dar a coñecer e concienciar da importancia desta gran rede de espazos protexidos.  

 A Rede Natura 2000 é unha rede de espazos naturais que se estende por tódolos países da Unión Europea e que ten como finalidade protexer a natureza e a biodiversidade europea máis salientable. Estes 27.000 espazos protexidos, entre os que se atopa o Esteiro do Miño, con máis dun millón de quilómetros cadrados, son a maior aposta da Unión Europea para a conservacións dos hábitats máis emblemáticos e forman unhas reservas nas que non só se promove a conservación da natureza, senón que se busca que esta vaia da man de iniciativas para impulsar os beneficios dos cidadáns e da economía en xeral.  

 Nesta cuarta edición do Día Europeo da Rede Natura 2000 creouse a campaña que leva por nome “O simple xesto dunha bolboreta pode cambiar a mundo” para animar a que os cidadáns mostren o seu apoio a estes espazos protexidos simbolizándoo cunha foto na que fagan unha bolboreta coas mans.  

 Dende o concello da Guarda anímase a todos aqueles que desexen participar nesta campaña a que o fagan subindo a fotografía a través da web  ou compartíndoa nos seus perfís en redes sociais xunto á etiqueta #Natura2000Day. Tamén poden sumarse aos diferentes actos e actividades que terán lugar por toda a xeografía española e que se poden consultar na web.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario