O CONCELLO DA GUARDA COMEZOU A LIMPEZA MANUAL DE PRAIAS CARA AO VERÁN
"(...) Despois de obter permiso de Medio Ambiente para realizar unha primeira limpeza mecanizada, dende o Concello optouse por unha limpeza manual como se ven realizando nos últimos anos (...)"
Vista parcial da Praia do Forte, tamén coñecida como Praia do Muiño, en Camposancos (A Guarda).
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O executivo municipal do Concello guardés informa: "Despois da limpeza de urxencia que tivo que facerse nas praias en Semana Santa, o Concello da Guarda está realizando unha limpeza manual exhaustiva das praias para preparalas e telas en bo estado cara ao verán que dará comezo o próximo mes.
A brigada de limpeza de praias está composta por catro traballadores contratados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación para este fin. O obxectivo desta brigada é manter, durante a época estival, os areais e os servizos das praias limpos e en bo estado. Para o plan de choque inicial, dado a cantidade de lixo acumulado, esta brigada esta reforzada con catro traballadores máis.
Na imaxe, operarios da brigada de limpeza de praias, traballando nunha das praias de Camposancos
Despois de obter permiso de Medio Ambiente para realizar unha primeira limpeza mecanizada, dende o Concello optouse por unha limpeza manual como se ven realizando nos últimos anos. Esta limpeza é moito máis custosa pero tamén moito mellor en termos de conservación medioambiental. O sistema que se está a empregar consiste na acumulación de lixo en montes ou en sacos, segundo o tamaño dos fragmentos, para que logo un tractor faga o traslado ata o punto de recollida do camión. En ningún caso se utilizan sistemas mecánicos de rastrillado da area. Queremos conseguir un uso da praia e do seu entorno no que a xente poida gozar da natureza con criterios de sostibilidade medioambiental.
A previsión é ter rematado nunha semana o plan de choque para logo continuar co mantemento diario. Para ter as praias limpas durante o verán o Concello solicita a colaboración dos usuarios para que non deixen lixo nin bolsas nos areais e o trasladen aos contedores habilitados para tal efecto. Manter as praias en bo estado é cousa de todos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario