23 de maio de 2016

A GUARDA

LIBROS CON DESCONTO E ACTIVIDADES PARA TODA A FAMILIA, PROTAGONIZARON A FEIRA DO LIBRO DA GUARDA   

Vista parcial da Praza do Reló, no casco histórico da vila de A Guarda, o mediodía de onte, co gallo da Feira do Libro
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Baixo un sol que acompañou durante a meirande parte da xornada, os guardeses, guardesas e todos os visitantes que quixeron achegarse ata a Praza do Reló, este pasado domingo 22 de maio, puideron desfrutar da Feira do Libro da Guarda nunha xornada chea de entretemento e actividades culturais.  

O alcalde, Antonio Lomba Baz, no posto de libros do Concello de A Guarda

 Cara as 11 da mañá abriron os postos das librerías, algunhas locais e outras que viñeron dende vilas próximas como O Rosal ou Gondomar, nos que se podían mercar libros cun 20% de desconto respecto ó prezo en tenda. Ademais, tamén había un posto de intercambio de libros, tanto de adultos como infantís, no que os asistentes deixaban un libro que xa non querían e levaban outro a cambio e outro posto de información para facer o carné da biblioteca.
  
 Dúas imaxes do ambente que houbo na Praza do Reló o longo das actuacións programadas na Feira do Libro

 Ás 12:30 horas deu comezo a esperada obra “Os contos da barriga verde”, que foi seguida con atención por decenas de cativos e non tan cativos que encheron a Praza do Reló. Alí presenciaron o espectáculo que homenaxeaba ao escritor Manuel María, ao que se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas. A actuación correu ó cargo do cómico Fran Rei, quen fixo as delicias de familias enteiras nunha representación dirixida ao público infantil pero con guiños continuos ós máis maiores da casa.  


 Tras a pausa para o xantar, a Feira do Libro continuou durante toda a tarde. Ademais de seguir abertos os postos das librerías, ás 19:30 horas tivo lugar a representación do espectáculo “Falar sen cancelas”, no que volveu actuar Fran Rei, desta vez acompañado por Pedro Brandariz e Isabel Risco. Xuntos provocaron as risas dos asistentes a través de monólogos, xogos e diferentes improvisacións cheas de humor.  

 Despois desta completa xornada, a Feira do Libro da Guarda deste ano rematou ás 21:00 horas co sorteo dun lote de libros que se realizou entre aqueles que mercaron algún libro nos postos ubicados na Praza, tras o cal os libreiros recolleron ata o vindeiro ano, logo de dar por finalizada unha exitosa novena edición desta celebración.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario