12 de xan. de 2016

VIGO

A Xunta de Galicia concede un total de 376.000 euros a 34 comunidades de veciños de Vigo e área ao abeiro do Plan renove de ascensores 

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá da resolución das axudas que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia 

Esta iniciativa impulsa a implantación de novas máquinas máis eficientes e seguras nas comunidades de veciños 

Os novos ascensores reducirán o consumo enerxético en máis dun 35%, co conseguinte aforro económico 

López-Chaves animou tamén a todos os interesados a que concorran á nova convocatoria de axudas para o ano 2016 aberta ata o vindeiro 20 de abril  

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá da resolución das axudas que vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia

Infogauda / Vigo

 O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da resolución das axudas do Plan Renove de Ascensores.  

 O programa, pertencente á Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución deste tipo de subvencións que teñen coma obxecto a modificación total ou parcial dos ascensores coa finalidade de implantar novas máquinas máis eficientes e seguras nas comunidades de veciños. 

 Coma explicou López-Chaves, a instalación dun ascensor supón “un dos principais gastos das comunidades de veciños” e é por isto polo que a Xunta de Galicia ofrece este tipo de axudas buscando, coma dixo o delegado, dous obxectivos: “conseguir a redución dos custes enerxéticos e aumentar a seguridade dos ascensores”.  

 Deste xeito, na cidade de Vigo e na súa área, un total de 34 comunidades de veciños beneficiáronse deste tipo de axudas cun importe global de 376.000 euros para a modificación total ou parcial dos ascensores. No caso de modificación total a axuda máxima era de 20.000 euros e para a modificación parcial, de 10.000 euros.  

 Ademais, e coma concretou López-Chaves, o Plan Renove de Ascensores que financia a Xunta de Galicia está novamente aberto para este ano 2016, polo que animou ás comunidades de veciños interesadas en cambiar de ascensores a concorrer a esta convocatoria de axudas para o ano 2016 e que está aberta ata o vindeiro 20 de abril ou ata que se esgote o crédito. “O que queremos é dar publicidade á variedade de convocatorias da Xunta porque estou seguro que moitos vigueses descoñecen esta liña de axudas”. dixo.  

 Cómpre salientar que estas máquinas teñen un uso intensivo e supoñen unha parte moi importante do consumo enerxético dun edificio, polo que o programa contribúe á mellora da eficiencia enerxética dos fogares galegos. Non en van, os novos ascensores permitirán unha redución anual, cando menos, do 35 % no uso da enerxía convencional, e un incremento na seguridade. Os apoios inclúen os custos en equipamentos, materiais, obra civil e man de obra asociados á reforma e posta en servizo das máquinas.  

 Esta actuación encádrase no desenvolvemento do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética nas Vivendas, posto en marcha o ano pasado e que xunto a esta iniciativa promoveu outro tipo de medidas como a implantación de fiestras ou caldeiras máis eficientes ou a instalación de equipos de xeotermia, solar térmica e aerotermia.  

 Deste xeito, o Goberno galego aposta pola promoción do aforro e a eficiencia enerxética nas vivendas galegas co obxectivo de mellorar pautas de consumo e contribuír, en última instancia, á diminución da factura enerxética das familias galegas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario